Persoal de Vitrasa denuncia "represión sindical" por facer folga durante O Marisquiño

Para o Comité de Empresa trátase dun "claro caso de represión sindical e laboral", encamiñado a "coaccionar e amedrentar" o cadro de persoal para "boicotear" as mobilizacións que as traballadoras e traballadores de Vitrasa levan anos desenvolvendo en demanda dunhas mellores condicións laborais.
Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)
photo_camera Autobús da empresa Vitrasa que opera en Vigo. (Foto: Vitrasa)

O Comité de Empresa de Vitrasa, compañía concesionaria do transporte urbano de Vigo, denunciou "represión sindical" coa apertura de expedientes sancionadores relacionados coas xornadas de folga convocadas durante o festival O Marisquiño, decorrido no pasado mes de agosto. Tal e como explicaron nun comunicado, censuran que a dirección "fai trampas" cos servizos mínimos, "tal e como constatan as sancións impostas pola Inspección de Traballo".

Lembran que o decreto de servizos mínimos publicado polo Concello vigués para as xornadas de folga dos pasados días 12 e 13 de agosto estabelecía a saída dun único vehículo na liña de noite, cando a empresa "pretendía pór en circulación catro autobuses".

Por iso, algúns membros do comité e varios traballadores "impediron de forma totalmente pacífica e en presenza da propia policía a saída dos tres vehículos que non constataban no decreto".

Apertura de expedientes

Por mor disto, denuncian desde o comité, as persoas presentes nese momento comezaron a recibir notificacións de apertura de expedientes sancionadores que poden chegar a supor suspensión de emprego e soldo e mesmo o despedimento.

Para o Comité trátase dun "claro caso de represión sindical e laboral", encamiñado a "coaccionar e amedrentar" o cadro de persoal para "boicotear" as mobilizacións que as traballadoras e traballadores de Vitrasa levan anos desenvolvendo en demanda dunhas mellores condicións laborais.

"O triste de todo isto é que a pesar de ter xa acumuladas varias sancións na autoridade laboral, Vitrasa continúa coas mesmas prácticas", engaden desde a Confederación Intersindical Galega.

Comentarios