Persoal de Vitrasa boicotea a inauguración da instalación das luces de Nadal en Vigo: "Menos luces e máis autobuses"

Traballadores e traballadoras da concesionaria anunciaron paros parciais indefinidos, mentres o Goberno rexeita expedientar a empresa

Persoal de Vitrasa, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal de Vitrasa, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu esta terza feira, 12 de setembro, o disparo de saída ao Nadal, no acto de inicio da instalación do alumeado, aínda que a súa intervención foi interrompida pola protesta dun grupo de traballadores e traballadoras da concesionaria de bus urbano, Vitrasa, que corearon consignas como "menos luces e máis autobuses" ou "Vitrasa solución, alcalde dimisión" mentres o rexedor comparecía ante os medios. Caballero ofreceu ao persoal, como única resposta á súa protesta, a man en alto co xesto da vitoria.

O persoal de Vitrasa leva meses inmerso nun conflito coa empresa por supostos incumprimentos nas súas condicións laborais e polo bloqueo do convenio colectivo. Traballadores e traballadoras da concesionaria afearon onte Caballero por non tomar medidas para obrigar a empresa a cumprir co seu persoal.

No marco deste conflito, o comité de empresa de Vitrasa confirmou que, a partir do 18 de setembro, recruarán as protestas e haberá paros parciais indefinidos e xornadas enteiras de folga.

Ademais deses paros, o persoal será convocado a concentracións e outras mobilizacións, como a manifestación que terá lugar o 22 de setembro, con saída ás 19 horas desde o cruzamento de Urzáiz e Travesía ('Choróns') e chegada á praza de Compostela.

Pleno municipal

Na xornada desta terza feira, unha representación do comité asistiu ao pleno ordinario, no que o BNG presentou unha moción para instar o Goberno municipal a abrir un expediente á concesionaria Vitrasa, incrementar as medidas de control e fiscalización ante os "incumprimentos" en materia de condicións laborais, a "implicarse" para pór solución ao conflito, a convocar o consello sectorial municipal de transportes e a iniciar os estudos para remunicipalizar o servizo.

O portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que os "flagrantes incumprimentos" da empresa levaron a que o bus urbano teña un funcionamento deficiente, con redución de frecuencias e liñas, e cun conflito laboral que se estende desde agosto de 2021. Fronte a esta situación, indicou, o Goberno local limitouse a "saír en fotos con buses novos" e a aprobar unha prórroga da concesión en plena pandemia.

Pérez Igrexas afeou a Abel Caballero e aos seus concelleiros que se “aliñaron coa empresa”, chegando a acusar os traballadores e as traballadoras de manter unha "folga política" e "tomando como reféns" a viaxeiros e viaxeiras.

Na mesma liña, o PP (que apoiou a moción nacionalista), lamentou que o alcalde non aceptara nunca reunirse co comité de empresa de Vitrasa, a pesar de que si o fixo con outros comités de empresa que nada teñen que ver coa acción municipal, como o do hospital Povisa.

"Boicot" dos traballadores e "intereses políticos"

Pola súa banda, o concelleiro Javier Pardo defendeu a posición do Goberno municipal, fronte a uns traballadores aos que acusou de "boicotear" o servizo, de ter "como reféns aos cidadáns" e de actuar segundo "intereses políticos".

Pardo defendeu a prórroga da concesión, "avalada polos tribunais", e asegurou que hai informes que destacan que “a gran maioría dos vigueses está satisfeito co servizo de bus urbano”. Así mesmo, quixo lanzar "un aviso a navegantes" e sinalou que o Concello encargou un estudo técnico sobre o servizo de bus urbano e "o dano ao transporte faino quen o boicotea".

A intervención de Pardo foi interrompida en varias ocasións por membros do comité de Vitrasa, que asistiron como público ao pleno, e a quen o concelleiro socialista dirixiuse dicindo: "Se non lles gusta o que escoitan, poden abandonar o pleno".

Comentarios