Vigo

Persoal de Vitrasa aumenta os paros ante o "desleixo" do Concello

Actualizar os salarios ou incrementar o tempo de descanso durante a xornada, entre as súas reivindicacións.
Mobilización do persoal de Vitrasa o pasado xuño diante do Concello de Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa o pasado xuño diante do Concello de Vigo. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria de transporte urbano do Concello de Vigo, anunciou que a partir desta segunda feira ampliará os paros parciais en media hora por quenda, pasando a ser as segundas, cuartas e sextas feiras de 7.30 a 9 horas, de 14 a 15.30 horas e das 00 ás 1.30 horas.

"Vémonos obrigados a tomar esta medida xa que os servizos mínimos decretados polo Concello entendemos que unha vez máis vulneran o noso dereito a folga, posto que á hora que decidiramos realizar os paros unicamente para 20% do servizo", criticaron os traballadores nun comunicado.

Por iso, os devanditos servizos mínimos impostos no marco destas protestas en Vitrasa foron denunciados á espera de que o xulgado poida consideralos "abusivos" como en anteriores ocasións.

"Lamentamos o prexuízo que poidamos causar á cidadanía, pero exercer o noso dereito a folga é a única forma de seguir reivindicando unhas melloras laborais que consideramos imprescindíbeis", engadiu o comité, que pide máis tempo de descanso durante a xornada laboral ou unha actualización de salarios, entre outras reivindicacións.

Para os empregados e empregadas de Vitrasa, resulta "inexplicábel" o "desleixo e o silencio" do Concello, que despois de varias semanas de paros "non tentou mediar nun conflito laboral que afecta un servizo esencial que é da súa responsabilidade".

"Tampouco resulta entendíbel que permita a Vitrasa incumprir o prego de condicións en canto a renovación de frota, redución de frecuencias, liñas e servizos co único obxectivo de mellorar a rendibilidade e en contra dos intereses da cidadanía", conclúe o comité.

Comentarios