O millonario sobrecusto do ascensor HALO de Vigo obriga Caballero a unha modificación de crédito

As obras do ascensor HALO comezaron a principios de agosto de 2022, e o prazo de execución era de 12 meses. O custo da obra cifrouse inicialmente en 7,2 millóns, cando se presentou o proxecto, pero foi finalmente adxudicada por 12,5 millóns.
Obras no ascensor HALO, en Vigo (Foto: Europa Press).
photo_camera Obras no ascensor HALO, en Vigo (Foto: Europa Press).

O goberno local de Vigo deu luz verde a unha modificación orzamentaria para afrontar parte do sobrecusto que implican as mudanzas aprobadas no proxecto do ascensor HALO (e na reforma das rúas adxacentes), de maneira que, tras imputar 1,2 millóns de euros aos orzamentos de 2023, aprobará ese suplemento de crédito por valor de 2 millóns de euros, tendo en oenta que o custo total dos cambios ascende a 3,2 millóns.

A finais de xuño pasado, a Xunta de Goberno viguesa liderada pola alcalde, Abel Caballero, aprobou a modificación do proxecto da obra, por valor de 3,2 millóns de euros, e que supuña ampliar o prazo en cinco meses, fixando a finalización dos traballos para marzo de 2024.

Nese momento, acordouse abonar o sobrecusto en dúas anualidades, con cargo aos orzamentos de 2023 (1,2 millóns) e 2024 (2 millóns), respectivamente. Pero a Unión Temporal de Empresas (UTE) que se encarga dos traballos comunicou ao Concello que o prazo de finalización pode adiantarse até finais de 2023.

Deste modo, e constatado que non hai orzamento dispoñíbel para a segunda anualidade nas contas de 2023, o goberno municipal acordou tramitar esa modificación de crédito, por algo máis de 2 millóns de euros, con cargo aos remanentes.

Ademais da insuficiencia de recursos nos orzamentos deste ano, no expediente xustifícase a modificación de crédito pola "inaprazabilidade do gasto", para evitar a paralización da obra, o atraso na súa entrega ou, no peor dos casos, ter que frear os traballos e volvelos contratar en 2024, con risco de que determinados recursos técnicos e de persoal non estean dispoñíbeis.

Máis dun ano en obras

As obras do ascensor HALO comezaron a principios de agosto de 2022, e o prazo de execución era de 12 meses. O custo da obra cifrouse inicialmente en 7,2 millóns, cando se presentou o proxecto, pero foi finalmente adxudicada por 12,5 millóns.

Coa modificación do proxecto aprobada este verán, o investimento sitúase en algo máis de 15,7 millóns de euros, dos que uns seis millóns proceden de fondos europeos.

Comentarios