Persoal de Vitrasa estuda ampliar os paros e denuncia atrasos no pago das nóminas

O persoal mantén as protestas en cada quenda de traballo, e cambiará os paros do mediodía, para facelos de 13.30 a 15.30 horas.
Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa polas rúas de Vigo. (Foto: Nós Diario)

O comité da empresa Vitrasa, concesionaria do bus urbano en Vigo, confirmou esta quinta feira que estuda ampliar os paros que manteñen actualmente, estendéndoos a xornadas completas, no marco das protestas que levan a cabo para reclamar a negociación do convenio.

Así o trasladou o presidente do órgano de representación dos traballadores, Imanol Arnoso (CIG), que lamentou que, tras meses de conflito, nin a empresa nin o Concello, "responsábel último do servizo", desen pasos para que o persoal logre un marco de relacións laborais que respecte os seus dereitos.

Así mesmo, Arnoso confirmou "un pequeno atraso" no pago das nóminas de febreiro, e a ausencia, nesas nóminas, dunha prima chamada "de absentismo" que se cobra ese mes.

Segundo apuntou, este pago foi obxecto de controversia e os traballadores acudiron aos tribunais, que lles deron "a razón".

Escusas

"Agora usan iso como escusa para dicir que están recalculando a prima e atrasar o seu pago", engadiu o presidente do comité.

Pola súa parte, o sindicato UXT remitiu un comunicado no que insta o alcalde, Abel Caballero, a "intervir" no conflito e deixar "mirar para outro lado", tendo en conta que os traballadores xa se están vendo afectados nos seus salarios.

Ademais, a central referiuse ao anuncio do Concello da posta en servizo de novos autobuses (un total de 29, dos que 22 son híbridos eléctricos). "O que demostra que o único importante para esta empresa é a imaxe", sinalaron.

Mentres, o persoal mantén as protestas en cada quenda de traballo, e cambiará os paros do mediodía, para facelos de 13.30 a 15.30 horas.

Comentarios