Persoal de Einsa realiza un paro de 24 horas para protestar contra os 154 despedimentos que quere realizar a empresa

A práctica totalidade dos 227 operarios e operarias que compoñen o persoal da empresa Einsa Print, situada nas Pontes (Eume), secundaron o paro.
Persoal de Einsa Print concentrado o 9 de novembro ante o Concello das Pontes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal de Einsa Print concentrado o 9 de novembro ante o Concello das Pontes. (Foto: Nós Diario)

A práctica totalidade dos 227 operarios e operarias que compoñen o persoal da empresa Einsa Print, situada nas Pontes (Eume), secundaron esta sexta feira un paro de 24 horas, tal e como tiñan acordado en asemblea para rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para despedir a 154 persoas.

Os traballadores e as traballadoras da empresa de artes gráficas asentada no polígono de Penapurreira mostraron desta forma o seu rexeitamento ao ERE extintivo formulado pola empresa e, ademais, reclamaron un plan de viabilidade que garanta a continuidade de todos os empregos e da actividade produtiva.

O paro iniciouse ás 22 horas da quinta feira e estenderase até o sábado, concentrándose ás portas da factoría e levando a protesta, de 12 a 14 horas, até a localidade de Pontedeume, onde protagonizaron unha manifestación polas rúas do municipio, na que a empresa ten outro centro produtivo, neste caso loxístico e tamén de soporte informático.

O calendario de mobilizacións aprobado en asemblea tamén contempla unha nova xornada de folga a próxima cuarta feira, 22 de novembro, mesmo día no que terá lugar unha nova reunión do período de consultas e, con tal motivo, está previsto que o persoal se desprace en autobús até Santiago de Compostela, para concentrarse ás 11 horas diante do Consello Galego de Relacións Laborais.

Propostas

O presidente do comité de empresa, Daniel Pena (CIG), asegurou que nunha reunión mantida na quinta feira coa patronal, a empresa presentou un plan de recolocación que mellora o que a marca a lexislación sobre os ERE, "pero mantén inamovíbeis o número de persoas afectadas e nin sequera mellora as contías das indemnizacións máis aló dos 20 días por ano traballado que estipula a lei".

Así, criticou que "o único plan de viabilidade de Einsa é despedir aos 154 traballadores nas Pontes" e lembra que a empresa "recibiu millonarias axudas públicas ao longo destes anos". Por último, detallou que os avogados da empresa sinalaron que se van manter todas as máquinas, mais só haberá persoal para atender unhas poucas, obrigando a ter a maior polivalencia posíbel para ir cambiando de posto en función do traballo que haxa.

"Non vemos que sexa viábel nin para afrontar a actual carga de traballo nin para conseguir novos contratos", reclamando por iso ás Administracións que "fagan todas as xestións necesarias para evitar esta nova desfeita laboral nas Pontes, nunha empresa ademais que foi a insignia dos plans de reindustrialización tras o fechamento da mina" de Endesa.

Comentarios