O ERE de Einsa afectaría 154 traballadores e traballadoras da planta das Pontes

Os despedimentos suporían 67% do cadro de persoal.
Concentración esta terza feira de traballadoras e traballadores da empresa Einsa Print diante da sede territorial da Xunta da Galiza en Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración esta terza feira de traballadoras e traballadores da empresa Einsa Print diante da sede territorial da Xunta da Galiza en Ferrol (Foto: Nós Diario).

O Expediente de Regulación de Emprego (ERE) exposto pola dirección da compañía Einsa Print afectaría 154 traballadores e traballadoras da planta das Pontes (comarca do Eume), 67% do seu persoal.

Así llo trasladaron os avogados contratados pola dirección da empresa aos representantes do persoal nunha reunión decorrida esta cuarta feira na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, en Santiago de Compostela.

Deste modo, o ERE deseñado pola dirección da compañía dedicada ás artes gráficas suporía o despedimento de 67% das persoas empregadas da súa factoría no polígono de Penapurreira, ademais doutras oito traballadoras das oficinas de Madrid.

"A empresa mantén a súa postura, entregounos nova documentación para analizar e desde o comité de empresa solicitamos outro plan de viabilidade que non pase só pola destrución de empregos", sinalou o presidente do comité de empresa, Daniel Pena, da CIG.

Outros encontros

Por outra parte, o comité de empresa foi recibido na tarde da terza feira pola conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lourenzá, quen se comprometeu a revisar a concesión de subvencións, segundo afirmou tras a reunión Pena.

Ademais, a responsábel do Goberno galego tamén trasladou a súa intención de analizar a situación que atravesa a compañía para, máis tarde, citala a un encontro para coñecer os seus plans de futuro.

Esta quinta feira o comité de empresa de Einsa Print manterá unha reunión cos grupos municipais no Concello das Pontes. Alí convocaron ás 10 horas ao persoal para concentrarse no exterior do consistorio municipal.

Comentarios