Persoal de Einsa pide aos concellos colaboración na defensa do emprego

A empresa das Pontes anunciou un ERE que afecta 154 traballadoras
Persoal de Einsa Print concentrado o 9 de novembro ante o Concello das Pontes. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Persoal de Einsa Print concentrado esta quinta feira ante o Concello das Pontes. (Foto: Nós Diario)

Os traballadores e as traballadoras de Einsa Print –empresa que anunciou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que afectaría 154 operarios da planta das Pontes (comarca de Eume)– concentráronse esta quinta feira diante da casa do Concello das Pontes, coincidindo coa reunión mantida polo comité con todos os grupos da corporación.

O encontro encádrase na rolda de contactos que está a realizar o persoal para exixir a implicación das Administracións na busca dunha solución aos 154 despedimentos que a empresa pretende aplicar. 

O presidente do comité, Daniel Pena (CIG), demandou unha fronte común na defensa da continuidade dos empregos e da actividade produtiva nas instalacións de Penapurreira, e que desde os Concellos interpelen a empresa para que aclare cal é o seu proxecto de futuro "pois o único plan de viabilidade que nos entregou son os despedimentos", afirmou. 

Neste sentido, Pena sinalou esta quinta feira que desde as corporacións locais ofrecéronse a contactar coa Consellaría de Industria e co Ministerio para manter unha xuntanza entre todas as partes para abordar a situación.

Desde a central sindical lembraron que Einsa Print recibiu "millonarias subvencións" ao abeiro dos plans de reindustrialización tras o feche da mina, polo que as Administracións "non poden consentir que os despedimentos sexan a súa única alternativa".  

Persoal insuficiente

Na próxima xuntanza de consultas, a representación social reclamaralle a Einsa que explique a estrutura que deixan, "tendo en conta que, de materializarse o ERE, o persoal que ficaría non sería suficiente para captar nova clientela ou mellorar os procesos produtivos".

Comentarios