CIG-Saúde exixe o Sergas aboar os salarios 'roubados'

CIG denuncia que a Xunta négase sistematicamente a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver os recortes salariais acumulados desde 2010 ou estabelecer un calendario de recuperación
Representantes de CIG-Saúde ante a Consellaría de Sanidade.
photo_camera Representantes de CIG-Saúde ante a Consellaría de Sanidade. (Foto: CIG)

A CIG-Saúde concentrouse nesta quinta feira ás portas da Consellaría de Sanidade para reclamar a devolución dos salarios "arrebatados" ao persoal do Sergas desde o ano 2010, cando o primeiro Executivo de Feixoo decidiu conxelar os salarios do persoal da sanidade galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012.

Como explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, foi unha decisión que non atinxiu ao resto do persoal da Xunta de Galiza e que adiantou os recortes para este colectivo laboral aos estabelecidos na Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria pola que, baixo a escusa da crise económica de 2008, se rebaixaron as condicións laborais e retributivas de todo o persoal dependente das administracións públicas.

Desde aquela, salienta Abuín, a CIG-Saúde vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos, especialmente tendo en conta que a Xunta promoveu acordos de mellora salarial para outros colectivos e recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta da Galiza. Porén, o goberno galego "négase sistematicamente a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver os recortes salariais acumulados nese período ou incluso a estabelecer un calendario de recuperación que estamos dispostos a pactar e que sexa en máis dun exercicio orzamentario", apuntou a líder sindical.

"O que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos levan roubado", apunta Abuín, unhas cantidades que permitirían que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. 

Fronte a iso, asevera, "non só se afonda na fenda salarial entre as traballadoras e traballadores do Sergas e o resto do persoal da administración pública galega, senón tamén respecto dos demais servizos de saúde do Estado español".

Abuín esixiu tamén que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos de cada colectivo para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo.

No marco desta campaña, a federación de Saúde da CIG tamén se reuniu coa Valedora do Pobo para pedirlle que  interveña ante o Goberno galego. Tamén ten previsto solicitar reunións co grupos parlamentarios para trasladarlles a situación do persoal do Sergas.

Comentarios