O persoal de Alcoa votará en referendo o cesamento da actividade en San Cibrao

O comité de empresa deu conta aos traballadores e traballadoras da última oferta da multinacional
O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, dirixíndose ao persoal da fábrica de aluminio o pasado mes de maio (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, dirixíndose ao persoal o pasado mes de maio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os traballadores e traballadoras de Alcoa realizaron esta segunda feira unha asemblea informativa na que o comité trasladou ao persoal da factoría de San Cibrao (Cervo), a última oferta da multinacional norteamericana do aluminio.

Esta terza feira, as máis de mil integrantes do cadro de persoal deberán emitir o seu voto nun referendo para sinalar se están a favor ou en contra da proposta de Alcoa de suspender a produción até 2024 a cambio de permisos retribuídos e de non realizar despedimentos en catro anos.

A votación realizarase en sobre fechado en urna, desde as 5.00 até as 23 horas, e poderá pronunciarse todo o persoal do complexo, sexan da planta de aluminio, da de alúmina ou dalgunha empresa de traballo temporal con contrato vixente.

Un posicionamento maioritario a favor da proposta de Alcoa suporía tamén a desconvocatoria da folga que mantén o persoal desde hai semanas, xa que a volta á paz social é unha das propostas da multinacional. 

Xunto a ela está a de manter os salarios durante a parada da electrólise e asinar un novo convenio con subas salariais de 2% desde 2020 e cinco anos de vixencia, ademais de contratar a parte do persoal que presta servizo a través das empresas de traballo temporal.

Para as auxiliares, un dos motivos de fricción entre a empresa e a representación laboral, Alcoa ofrece prorrogar tres anos os contratos actuais.

Ademais dos compromisos laborais, no acordo tamén está en xogo un investimento de 103 millóns de dólares (máis de 90 millóns de euros) para "a viabilidade futura e crecemento da planta", incluído o reinicio das cubas de electrólise en 2024.

Última chamada

Alcoa xa avanzou a semana pasada que esta sería a súa última oferta. Non desvelou cal sería a alternativa no caso de non recibir o apoio maioritario do cadro de persoal, aínda que a opción da venda a un terceiro non está totalmente descartada. 

Segundo indicou a compañía, manter activa a planta de San Cibrao suponlle unhas perdas millonarias que fan dificilmente viábel a súa continuidade. 

Por iso, ademais de para acometer os investimentos comprometidos, os dous anos de parada da produción servirían a Alcoa para fechar acordos de compra de enerxía a longo prazo. 

Anuncio sorpresa

Porén, esta fin de semana transcendeu que a multinacional americana ten xa fechado un preacordo con Greenalia, a firma de renovábeis con sede na Coruña, para a subministración de até 2.297 xigawatts "verdes" ao ano durante 10 anos, a contar desde o 1 de xaneiro de 2024.

Os representantes sindicais da factoría de Alcoa San Cibrao  afirmaron descoñecer os termos de acordo e recoñeceron a Nós Diario a súa sorpresa sobre a existencia deste preacordo, que ven máis como unha estratexia da compañía para interferir no ánimos dos traballadores e traballadoras de cara á votación que como unha solución real.

Insisten en que a parada das cubas é "a liña vermella" que como comité non van permitir cruzar, aínda que insisten en que "os que van dicir o que vai ou non vai pasar con Alcoa é o persoal" cos seus votos.

Comentarios