As auxiliares de Alcoa advirten dos riscos de parar a produción en San Cibrao

O representante das auxiliares de Alcoa, Kike Rocha, advirte de que parar as cubas podería significar non volver ver a planta traballar nunca máis
Caravana do persoal de Alcoa e das empresas auxiliares o 28 de xuño de 2020 (Imaxe: Carlos Castro-Europa Press).
photo_camera Caravana do persoal de Alcoa e das empresas auxiliares o 28 de xuño de 2020 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de Alcoa en San Cibrao (Cervo) contestou a pasada terza feira ao ofrecemento feito pola multinacional o día antes para parar a produción na planta de aluminio a cambio de permisos incentivados sinalando que "non lles vale", entre outras cousas porque non se teñen en conta as empresas auxiliares que prestan servizo á principal.

O portavoz destas empresas, Kike Rocha, sinala a Nós Diario que a proposta trasladada pola multinacional norteamericana do aluminio "volve cruzar as liñas vermellas que xa se marcaron na negociación do ERE", como é a parada da produción. "Non imos aceptar nin a parada das cubas nin ningunha saída", advirte Rocha, quen agradeceu ao comité que mantivese tamén esa mesma posición.

Para o portavoz das auxiliares de Alcoa, "a única alternativa na que podemos seguir loitando é na de que non se paren as cubas" e para iso propón "buscar as fórmulas que sexan necesarias coas administracións, pero non podemos permitir que se pare a produción e as cubas", insiste.

O principal risco desta medida sería, segundo apunta, a imposibilidade de volver arrancalas. "Quen garante que se poderían arrancar despois de dous anos paradas? Alcoa xa non foi quen de garantilo durante a negociación do ERE", lembra Rocha, que advirte de que o feito de parar "significaría nun noventa e moitos por cento de posibilidades non volver ver traballar a fábrica nunca máis".

Situación de calma relativa

Preguntado sobre como lles está a afectar a actual situación ás auxiliares, recoñece que están nunha "calma relativa". "Estamos traballando a un nivel normal, mais con esta tensión e esta incerteza sobre que pasará no futuro", explica.

Con todo, lembra que en 2020 "houbo problemas porque Alcoa non rebrascaba as cubas, e varias empresas fixeron ERTE, pero neste 2021 a situación está bastante normalizada", afirma. 

Moitos dos postos de traballo das auxiliares dependen da carga de traballo que supoñen os labores de mantemento e mellora.

A este respecto, indica que no comunicado Alcoa non informa sobre se durante eses dous anos habería algún tipo de mantemento ou investimento. "Se houbese investimentos, reformas na planta, mantemento da maquinaria que estarían paradas... si que entrarían as auxiliares, pero non hai ningunha información ao respecto", lamenta Rocha, que confía en que as Administracións galega e estatal poidan mover ficha nese sentido. 

E é que, como relata, "xa finais de 2019 non hai os grandes investimentos aos que nos tiña acostumados Alcoa para reforma e modernización. Simplemente parcheado, mantemento diario e pequenas obras imprescindíbeis para que as máquinas poidan seguir funcionando".

Con todo, sinala que seguirán "á espera dos acontecementos" e do que se trate nunha posíbel reunión entre empresa, sindicatos, Xunta e Goberno estatal. 

Desde as auxiliares aseguran que son "optimistas", e máis "sabendo que hai dous anos querían ter a planta fechada e seguimos traballando", aínda que detrás do cambio de estratexia ven a mesma idea de Alcoa. "O que quixo sempre: fechar a fábrica e despedir".

Comentarios