O comité di que a proposta de Alcoa non lles vale e seguirán coa folga

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao piden que se teña en conta ao persoal das auxiliares e reclaman un apoio económico das Administracións para garantir a viabilidade futura da factoría de aluminio
O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, o pasado 6 de novembro durante a marcha nocturna de protesta (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O presidente do comité de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, o pasado 6 de novembro durante a marcha nocturna de protesta (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os traballadores de Alcoa en San Cibrao (Cervo), reuníronse esta terza feira en asemblea para analizar a última proposta da multinacional para garantir a continuidade "a futuro" da planta de aluminio primario e que, segundo admitiu o presidente do comité  unha vez rematada a reunión "non lle serve". 

En declaracións aos medios, José Antonio Zan, argumentou que, entre outras cousas, os traballadores e traballadoras das auxiliares "son iguais que os de Alcoa". Por este motivo queren enviar unha contraproposta á multinacional para a que, previamente, exixen os Gobernos galego e español que "se mollen" con recursos e garantías para alcanzar unha solución para a planta da Mariña.

Así, antes de facer eles unha proposta a Alcoa, "que se fará por parte do comité de empresa, primeiro reclama ter unha reunión "urxente" con Ministerio de Industria e Xunta.

Das administracións queren "ver que poñen en apoio dunha solución", "e unha vez que teñamos ese apoio e ese montante económico que se poida destinar a investimentos no futuro, poderemos valorar", apuntou José Antonio Zan.

"Aquí basicamente o que necesitamos é unha viabilidade a 15-20 anos que dea garantías a toda A Mariña dunha solución", subliñou, antes de engadir que a devandita solución "non se pode conseguir sen esa viabilidade en recursos por parte das Administracións e ese apoio e garantías á operación".

Ao respecto do repentino cambio de estratexia de Alcoa, Zan recoñeceu que é ""moi estraño que cambiase o paso", un feito que vinculou coa sentenza do ERE do Tribunal Supremo

Neste senso, valorou que a empresa "recoñeza que o problema que tiña non era estrutural. Agora recoñece que é conxuntural e en 2024 hai unha saída".

En calquera caso, insistiu en que "haberá que ver nesa reunión que se pon enriba da mesa" e reclamou "concrecións e papeis", pois para avanzar necesitan "documentos".

O que si que deixou claro é que "a folga xamais se expuxo quitala", xa que interpretan que é precisamente o que lles levou ao actual escenario.

Desde as Administracións, Industria agarda manter una reunión "nos próximos días" na que Alcoa explique "a todas as partes interesadas" os termos da proposta que trasladou ao comité de empresa "con maior detalle", mentres que a Xunta segue a botar balóns fóra e volveron acusar o Goberno español da situación actual, ao tempo que lle atribuíron a responsabilidade de atopar unha solución.

Comentarios