Alcoa, disposta a seguir cunha planta de San Cibrao á que non faltan pretendentes

Ministerio de Industria, Xunta e comité de empresa avaliarán hoxe a proposta da multinacional Alcoa para cesar a actividade a cambio de permisos retribuídos.
O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)

O Ministerio de Industria, a Xunta da Galiza e o comité de  empresa de Alcoa en San Cibrao (Cervo) están convocados hoxe a unha reunión telemática para analizar a proposta que a multinacional norteamericana do aluminio trasladou aos traballadores e traballadoras o pasado 29 de novembro.

A proposta, que prevé cesamentos temporais da actividade da planta a cambio dun "permiso retribuído" aos traballadores e traballadoras afectados e o compromiso de "non iniciar ningún despedimento colectivo por un período de catro anos", supón un cambio de rumbo por parte de Alcoa, disposta agora a seguir adiante cunha planta que en máis dunha ocasión cualificou de "inviábel"

Desde o comité de empresa miran con certa prudencia ese cambio de parecer, que atribúen á recente sentenza do Tribunal Supremo que botou por terra os plans de Alcoa de executar un despedimento colectivo pola vía do ERE para 524 traballadores e traballadoras da planta de aluminio primario de San Cibrao. 

No que atinxe á proposta, a representación do persoal de Cervo xa adiantou que non lles vale, entre outras razóns porque non ten en conta os empregados e empregadas das auxiliares que traballan para Alcoa. Tampouco aceptan baixo ningún concepto a parada das cubas.

Incerteza sobre a venda

O Ministerio de Industria cualifica o encontro de hoxe como "unha reunión preparatoria sobre temas relacionados con Alcoa". Nela, os traballadores confían en que as Administracións presenten iniciativas encamiñadas a garantir a continuidade da actividade industrial na factoría de aluminio da Mariña.

Esa continuidade podería vir da man da propia Alcoa, se finalmente acorda un plan que contente todas as partes, mais tamén pola entrada doutro grupo industrial disposto a tomar o relevo se a multinacional accede a vender, algo que despois desta proposta non queda tan claro como até o de agora. 

Tanto o Ministerio de Industria como a multinacional americana, cando esta defendía que seguir coa produción de aluminio non era viábel, iniciaron un proceso de venda que, segundo as últimas informacións, conta con catro firmas interesadas.

Aínda que os nomes das empresas non se deron a coñecer publicamente, na liza estaban Sidenor, Liberty House (a través de Alvance), que xa tentara facerse coa factoría de Cervo, Atlas Holdings, e Trafigura, esta última tamén con intereses no proxecto da mina de Touro

Precisamente, Trafigura presentou esta semana a súa memoria anual, na que destaca que 2021 foi "o mellor" exercicio da súa historia no que a beneficios se refire. Nela fai tamén unha análise dos diferentes mercados e, no caso do aluminio, indica que quere estar "ben posicionada" para dar respostas ás demandas da clientela e engrosar a súa carteira de pedidos.

Unha das vías para consolidar a súa posición no mercado do aluminio, cuxa demanda podería crecer "algo menos de 40% cara final da década, impulsada polo incremento do uso de vehículos eléctricos e enerxías renovábeis", podería ser pola vía de novas adquisicións, agora que ten fondos na caixa para iso.

Comentarios