O nivel de afiliación á Seguridade Social creceu 27,4% máis no Estado que na Galiza

A ocupación aumentou en 25.000 persoas na Galiza en 12 meses.
Traballadores de hostalaría en Santiago (Foto: Arxina).
photo_camera Traballadoras de hostalaría en Santiago (Foto: Arxina).

A afiliación á Seguridade Social medrou na Galiza en 25.000 persoas no segundo trimestre de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior, o que significa un aumento de 2,26% na nivel de ocupación galega, segundo os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 

Porén, estes datos de afiliación supoñen un crecemento inferior ao experimentado no conxunto do Estado español, onde a poboación ocupada avanzou 2,88%, cun ritmo de crecemento do emprego 27,43% maior que o galego.

Unha comparanza que é bastante similar na evolución con respecto ao primeiro trimestre deste ano. Así, entre abril e xuño, a Seguridade Social gañou na Galiza 26.500 persoas afiliadas, 2,4% máis. Non obstante, a nivel estatal esta suba foi de 2,95%, o que supón un ritmo de crecemento da ocupación 18,75% maior que o da Galiza.

Entre o total de persoas afiliadas á Seguridade Social na Galiza, 48,27% son mulleres e 51,73% son homes. Neste sentido, a ocupación feminina aumentou 2,85% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior, mentres que entre a poboación masculina avanzou 1,72%. Por outro lado, a afiliación aumentou en 15.700 persoas menores de 35 anos nos últimos 12 meses, o que supón 7,31% máis.

Cae o emprego na industria

Por sectores, a afiliación á Seguridade Social aumentou no último ano en 7.500 persoas (+11,65%) na agricultura e en 5.000 persoas (+0,68%) na construción. Así as cousas, o aumento da ocupación foi sostido na súa maioría polo sector servizos, con 17.400 afiliadas máis (+2,19%). Pola contra, nos últimos 12 meses destruíronse na Galiza 1.000 empregos (-0,59%) na industria.

Con respecto ás persoas afiliadas á Seguridade Social no réxime especial de autónomos, os traballadores e traballadoras por conta propia tamén descenderon no país, en 1.200 (-0.58%) con respecto ao segundo trimestre de 2023 e en 1.900 (-0,92%) en comparanza co trimestre anterior. Uns datos que contrastan cos do Estado, onde a afiliación a autónomos aumentou 1,39% en termos interanuais e 3,14% en termos intertrimestrais.

A taxa de desemprego, que mide a relación entre as persoas en idade de traballar con disposición a facelo mais que carecen de posto de traballo con respecto ao total da poboación que traballa ou busca emprego activamente, descendeu na Galiza até 9,58% (10,9% no primeiro trimestre e 11,2% no segundo de 2023).

Así, no segundo trimestre descenderon en 15.300 as persoas no paro, o que supón 11,36% menos que entre xaneiro e marzo, mentres que con respecto ao mesmo período do ano anterior a caída foi de 19.700 persoas, 14,15% menos. Desta forma, a taxa de desemprego situase dous puntos porcentuais por baixo da media do conxunto do Estado (11,6%).

Porén, a taxa de emprego (a relación entre a poboación ocupada e a poboación en idade para traballar) quedou en 48,12%, catro puntos porcentuais menos que no conxunto do Estado (52,13%). Con respecto ao mesmo período do ano anterior (47,2%) a taxa de emprego aumentou 0,9 puntos porcentuais e con respecto ao primeiro trimestre (47,03%) fíxoo en 1,1 puntos porcentuais.


Os sindicatos alertan do baixo dinamismo laboral a nivel galego

Para a CIG, os datos da EPA "evidencian a preocupante evolución da actividade industrial no noso país xa que malia o incremento xeneralizado da poboación activa e ocupada, este sector é o único [entre a poboación asalariada] no que descendeu a ocupación no último ano".

Pola súa parte, CCOO destaca que "o emprego medra medio punto porcentual menos na Galiza que no Estado", polo que o sindicato indica que "os bos datos vense ensombrecidos polo retardo con respecto aos valores a nivel estatal".

UXT salienta que "aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, a Galiza segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico", polo que cre necesario "constituír un cambio no modelo económico actual que xere empregos dignos e de calidade".

Comentarios