A Xunta utilizará Intelixencia Artificial para “vixiar” persoas desempregadas

O plan do Executivo galego busca citar persoas desempregadas de longa duración ou persoas que declinaran formación ou emprego para facer un seguimento “personalizado”.

María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera María Jesús Lourenzá e Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira o que Alfonso Rueda cualificou como unha "mellora do sistema de emprego" coa finalidade de "adecuar" a demanda de postos vacantes e persoas desempregadas. "Hai 15.000 postos que están esperando a ser cubertos", dixo.

As “disfuncións” e “fraudes” que, segundo o presidente, se poden rexistrar no ámbito da demanda de emprego estarán baixo a lupa do Goberno galego. O plan da Xunta anunciado por Rueda, programa “pioneiro” de acompañamento laboral “personalizado” que busca, segundo defendeu o líder dos populares na Galiza, que o sistema “funcione o mellor posíbel”.

Como facelo? Tentou explicalo a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lourenzá. Trataríase, a través de ferramentas de intelixencia artificial e orientadoras laborais, de "casar datos", realizando un especial seguimento a colectivos como "demandantes de emprego que rexeitaran unha oferta ou abandonaran cursos de formación sen xustificación", "persoas con máis de cinco anos inscritas no paro e sen aceptar ofertas" ou persoas que "non confirmaran a súa dispoñibilidade a tres ofertas de emprego".

A estas persoas faríaselles unha "revisión" e "seguimento" personalizado, afirmou a conselleira. Lourenzá explicou que este proceso tamén contempla a "apertura de expedientes" a esas persoas en caso de non cumprir cos requisitos que se fixen.

Isto pode implicar, por exemplo, a retirada da prestación por desemprego ou demais prestacións vinculadas á busca de emprego (subsidio a maiores de 53 anos). En principio, indicou Lourenzá, hai 14.000 persoas albo deste "seguimento", nunha iniciativa que, afirmou, conta co apoio de CCOO, UXT e a patronal galega.  

A partir do próximo verán

O programa de vixilancia de desempregadas de longa duración activarase “en canto se realicen as adaptacións tecnolóxicas necesarias” e, “previsibelmente”, a partir do próximo verán aspira a concretar “un acompañamento e seguimento intensivo” da demanda de emprego.

Cando se activará o programa? Cando nunha oficina de emprego se rexistre un dos casos explicados por Lourenzá. Durante o desenvolvemento desta actuación, poderase incluír xustificadamente novos colectivos prioritarios ou modificar os existentes.

Comentarios