Navantia vulnera os dereitos dos traballadores de novo ingreso ao non pagarlles plus de distancia

A resolución de Inspección de Traballo chega após o Tribunal de Contas sinalase presuntas irregularides nas retribucións en especie dos directivos da empresa, non porque fosen alleas aos seus contratos, senón porque non as incluíron nas súas nóminas.
Traballadoras e traballadores de ElectroRayma, Navantia e auxiliares manifestándose por Ferrol.(Foto: Europa Press)
photo_camera Traballadoras e traballadores de ElectroRayma, Navantia e auxiliares manifestándose por Ferrol.(Foto: Europa Press)

Inspección de Traballo vén de sinalar que Navantia vulnera os dereitos dos traballadores que ingresaron na compañía pública despois do 20 de decembro de 2018 por non pagarlles plus de distancia.

A resolución parte dunha denuncia presentada pola Confederación Xeral do Traballo (CXT) e estabelece que a empresa fixa "condicións de traballo inferiores" ás do convenio en vigor para os empregados de novo ingreso.

Incide en que a negativa de abonar a estes empregados o plus por distancia do centro de traballo, de 0,073 euros por quilómetro, constitúe "unha exclusión contraria aos dereitos recolleitos no artigo 4 da Lei do Estatuto dos Traballadores e unha infracción laboral".

Así as cousas, o sindicato afirmou que se trata "dunha vulneración máis" por parte de Navantia, á que demanda que pague "de forma inmediata" este plus "a todos os traballadores que teñen dereito a el segundo o convenio vixente, procedan do convenio anterior ou sexan de novo ingreso, tanto senior como junior".

Irregularidades nas retribucións en especie

A resolución chega após o Tribunal de Contas sinalase presuntas irregularides nas retribucións en especie dos directivos da empresa, non porque fosen alleas aos seus contratos, senón porque non as incluíron nas súas nóminas.

Así, estas retribucións en especie alcanzaron unha diferencia conxunta de 374.410 euros fronte aos datos declarados ante a Axencia Tributaria.

Principalmente, apunta, por dietas de viaxe e aloxamento exentas de gravame, para os cales o seu rexistro contábel aparece como gastos de servizos exteriores, non como gastos de persoal. Unha forma de proceder "inadecuada", a xuízo do fiscalizador, porque as retribucións en especie deben reflectirse nas nóminas como concepto retributivo.

O Tribunal aclara que non cuestiona o rexistro contábel de gastos de locomoción, aloxamento e manutención, senón a súa inclusión no modelo de Facenda de retencións por rendementos de traballo cando non están reflectidos nas nóminas.

Comentarios