O Tribunal de Contas detecta salarios en especie a directivos do sector público alleos ao seu contrato

Sinala a Enaire, a SEPI, Tragsa e o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) por retribucións alleas ás estipuladas
Sede do Tribunal de Contas, en Madrid (Foto: EuropaPress).
photo_camera Sede do Tribunal de Contas, en Madrid (Foto: EuropaPress).

O Tribunal de Contas detectou na súa fiscalización salarios en especie a directivos de entidades do sector público empresarial non financeiro alleos aos seus contratos. En concreto, sinala  Enaire, SEPI, Tragsa e o CDTI, ademais doutros non incluídos nas nóminas, como é no caso de Navantia.

Así consta no seu 'Informe de fiscalización do sistema retributivo e de designación ou contratación dos órganos de goberno das entidades do sector empresarial estatal non financeiro, exercicio 2018'.

Na súa fiscalización, o Tribunal de Contas empraza estas entidades a reflectir nos contratos dos seus directivos as retribucións flexíbeis ou en especie, os seus conceptos e importes, e a remitir esta información ao Rexistro do Persoal Directivo do Sector Público. 

Tamén insta a recortar destas retribucións en especie o complemento de posto, en caso de existir, pois este extra variábel está condicionado ao cumprimento de obxectivos.

En todo caso, estabelece que as nóminas dos directivos deberían acomodarse aos conceptos retributivos estipulados nos contratos e estes deberían redactarse adaptando ás particularidades de cada posto o modelo aprobado polo Ministerio de Facenda, e recoller para os funcionarios o seu complemento de antigüidade.

Retribucións 

Así, sinala como Enaire paga aos seus directivos seguro médico, de vida e accidentes non estipulados nos seus contratos -a un directivo o complemento máximo de 40%-, do mesmo xeito que en Tragsa ou CDTI, que tamén incluía na súa retribución variábel un 'cheque comida', superando as retribucións máximas para os seus directivos.

No Consorcio Zona Franca de Barcelona, o Tribunal de Contas menciona retribucións en especie non contempladas nos contratos (coche, seguros de vida e accidentes, seguros de saúde, achegas de pensións e plans de xubilación) que, en todo caso, di, deberían descontarse do complemento de posto e non do variábel, suxeito a cumprimento de obxectivos.

Rendas non detalladas

Tampouco se corresponde o complemento variábel nas nóminas de directivos á SEPI co previsto para contratos de directivos. Ademais o Tribunal apunta a retribucións en especie que non gardan relación coa información comunicada ao Rexistro do Persoal Directivo nin aos datos declarados á Axencia Tributaria.

Así, nas nóminas dos presidentes -no ano fiscalizado houbo dous-, do vicepresidente e de nove directivos figura o concepto 'rendas exentas', que se desconta do incentivo dos directivos ou do salario base no caso dos altos cargos.

O Tribunal destaca que as nóminas non detallan a natureza destes complementos -vales de comida, seguro médico ou axuda por estudo de fillo- , en diferentes casos, e remarca que "a finalidade última desta modalidade retributiva é minorar a base impoñíbel por rendementos do traballo suxeita ao IRPF".

"Dadas as implicacións fiscais e por razóns de transparencia, esta retribución debería estar reflectida de forma detallada nos contratos de alta dirección, así como na información remitida ao Rexistro do Directivo Público e descontarse do complemento de posto, xa que a percepción do complemento variábel está supeditada ao cumprimento de obxectivos", sentencia.

Navantia

No caso de Navantia, o Tribunal fai fincapé non en retribucións en especie alleas aos contratos dos seus directivos, senón por non incluílas nas nóminas, que en conxunto alcanzaron unha diferenza de 374.410 euros fronte aos datos declarados ante a Axencia Tributaria.

Principalmente, apunta, por dietas de viaxe e aloxamento exentas de gravame, para os cales o seu rexistro contábel aparece como gastos de servizos exteriores, non como gastos de persoal. Unha forma de proceder "inadecuada", a xuízo do fiscalizador, porque as retribucións en especie deben reflectirse nas nóminas como concepto retributivo.

O Tribunal aclara que non cuestiona o rexistro contábel de gastos de locomoción, aloxamento e manutención, senón a súa inclusión no modelo de Facenda de retencións por rendementos de traballo cando non están reflectidos nas nóminas.

O goberno das entidade, en dúbida

Outro dos aspectos analizados polo Tribunal é o abono de compensacións pola asistencia ás reunións dos consellos de administración, que en 2018 ascendeu a perto de 850.000 euros, dos cales 213.000 euros corresponderon a altos cargos, que foron ingresados no Tesouro Público, en conformidade coa incompatibilidade prevista por lei.

Ademais, o Tribunal advirte de que as asistencias por representación supuxeron 18% de todas e que 80% das mesmas foron delegacións de voto a favor do presidente, especialmente en CDTI, Cetarsa e IDAE (100% de todas), Tragsa (un 95%) e a Autoridade Portuaria de Bilbao (90%).

Nunha reunión da  SEPI, a presidenta chegou a representar a sete conselleiros, concentrando 50% dos votos, mentres que en CDTI e Cetarsa (Compañía Española de Tabaco en Rama) chegou a concentrar a maioría. En Enaire, o presidente concentrou a delegación de voto de dous conselleiros, a pesar da limitación estatutaria.

Múltiples delegacións de voto na presidencia das entidades que aumentan o poder de decisión e que, en ocasións, advirte o Tribunal, puido afectar ao bo goberno das entidades.

Comentarios