A CIG lamenta que Navantia sexa utilizada para a "recolocación" de cargos

Ante un novo cambio na Presidencia de Navantia, a CIG lamenta que esta sexa utilizada como "unha empresa de recolocacións de cargos para a ocupación de afíns á ministra ou o ministro que toque".

Vista das instalacións de Navantia. (Foto: CIG)
photo_camera Vista das instalacións de Navantia. (Foto: CIG)

A CIG criticou, ante un novo cambio na Presidencia, que Navantia sexa utilizada como "unha empresa de recolocacións de cargos para a ocupación de afíns á ministra ou o ministro que toque", o que "diminúe a súa capacidade de desenvolvemento" e afecta á súa "credibilidade, seriedade e seguridade"  ante potenciais clientes.

Así se pronunciou, nun comunicado, despois de que o Goberno nomease a presidenta de Navantia, Belén Gualda González, como nova responsábel da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), cargo que levaba vacante desde outubro de 2019.

A este respecto, a central sindical nacionalista advertiu de que, independentemente da persoa escollida para asumir a Presidencia do estaleiro, "non é serio nin responsábel" que este cargo fose ocupado por catro responsábeis en catro anos.

Así, criticou que teña lugar esta situación nun período no que se aborda "un plan que pretende marcar o futuro de Navantia" e preguntouse como afectará á "credibilidade, seriedade e seguridade" mostradas ante potenciais clientes para a adxudicación de contratos.

Ademais, a CIG lembrou que non confiou no anuncio da última presidenta ao asumir o cargo, que asegurou que buscaba "deixar a compañía nunha mellor situación da que estaba" e achegarlle "estabilidade". Así, resaltou que a súa etapa na Presidencia foi "tan breve" como a súa presentación.

Tamén sinalou as substitucións que implica no organigrama da empresa o cambio de presidente e reprobou que os cargos de responsábeis de departamentos como Prensa e Protocolo sexan asumidos por "persoas de fóra" pese ao "sobrado coñecemento" das pertencentes á empresa.

Críticas ao Goberno

A CIG denuncia que o Goberno "non toma a serio a súa empresa" ao "xogar co seu futuro". De feito, remarcou que a ría de Ferrol permanece "sen carga de traballo" e sen un plan de investimentos para as novas instalacións. Tamén chama a aclarar se se cumprirá o cronograma da fragata F-110, o que resulta "irrenunciábel" para a comarca e a industria auxiliar.

En todo caso, sinalan que se esperan "malos agoiros" dado que a presidenta que rexeitou a construción das novas instalacións co dique agora é a responsábel do accionista da empresa, e dado que o nomeamento do novo presidente causará un "parón" nas "poucas actividades da factoría".

Así mesmo, a central sindical critica que os cargos institucionais da comarca "miren para outro lado", "eludindo responsabilidades" coa zona.

Comentarios