Mañá de protestas e mobilizacións nun sector industrial galego cuxa crise non toca fondo

Corte de vías en Ferrol e ocupación de estaleiro en Vigo.

barricada navantia foto ccoo
photo_camera (Foto: CCOO)

Decorreron case á mesma hora e en dous dos núcleos industriais da Galiza: Vigo e Ferrol. Traballadores saíron a protestar “fartos” da situación que están a padecer e que carece de solución por parte das Administracións.

No sur unha “ocupación simbólica” de Barreras por parte de delegados e afiliados da CIG. No norte, corte de viais en protestas do comité de empresa de Navantia, Endesa e auxiliares de ambas as dúas. No sur, denuncia  da situación crítica que atravesa o estaleiro e reclamación de solucións por parte da Administración que contemplen a intervención pública do mesmo. No norte, demanda de carga de traballo e de solución.

En ambos os casos, reclamando emprego nas respectivas comarcas: “Futuro en Ferrolterra”, poñía nunha das faixas portadas polos operarios que protestaban en Ferrol. “Pola defensa do emprego na comarca” e Vigo, reivindicaba unha das pancartas que se exhibían na ocupación de Barreras. De fondo, a crise industrial que atravesa Galiza desde hai anos e que semella non tocar fondo.

cig barreras

Os fechamentos e o desemprego golpean o conglomerado industrial galego desde hai máis dunha década. Mentres o sector manufactureiro alemán aumentou o seu valor engadido bruto entre 2008 e 2019 nun 29%, o valor xerado polas manufacturas galegas reduciuse en preto de 8%. Ao tempo, Galiza perdeu durante ese período un de cada cinco empregos na industria, sector que os expertoss consideran chave polo seu efecto multiplicador para o conxunto da actividade económica. A pandemia do coronavirus aguza unha tendencia de fondo.

A crise do sector industrial é moi anterior ao comezo da pandemia do coronavirus. O seu valor engadido bruto descendeu en 2019 nun 1,4% en relación a 2018, sinalando a Nós Diario o profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Bernardo Valdês que "entre 2008 e 2019 o valor engadido bruto na industria manufactureira radicada na Galiza caeu case 8% en termos correntes. Nese mesmo período, o valor xerado polas manufacturas alemás incrementouse en 29%". A este respecto, Valdês destaca que "é certo que se vén producindo un cambio na xeografía industrial a nivel comunitario, mais non precisamente en prexuízo do centro da Unión Europea".

A crise bateu con forza, tamén, naquelas empresas de maior dimensión. Así, entre 2008 e 2019, Galiza perdeu 1.031 empresas que superaban os nove postos de traballo, o que supón unha caída de 37,5%, algo particularmente grave nun sector como o industrial, onde o tamaño é importante para aproveitar as economías de escala e favorecer a internacionalización.

Comentarios