venres 23/07/21

O naval exixe a intervención pública

A situación da industria do naval nas rías de Vigo e Pontevedra é cada vez máis preocupante. As organizacións sindicais CIG, CCOO e UXT mantiveron esta terza feira unha reunión coa patronal para valorar as posíbeis saídas, entre as que figura unha maior implicación das Administracións galega e española.
Manifestación en xuño da Plataforma de Traballadores do Metal en Vigo para reclamar un convenio "xusto" (Europa Press).
Manifestación en xuño da Plataforma de Traballadores do Metal en Vigo para reclamar un convenio "xusto" (Foto: Europa Press).

Esta terza feira tivo lugar unha primeira xuntanza entre as centrais sindicais CIG, CCOO e UXT e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime) para avaliar a situación actual no naval nas rías de Vigo e Pontevedra. Coincidiron en que o panorama é moi complicado polas circunstancias que atravesan os tres grandes estaleiros (Barreras, Metalships e Vulcano), unha problemática que pasaría a ser estrutural e alongada no tempo e que precisaría, din, da intervención inmediata por parte das Administracións, neste caso a Xunta da Galiza e o Goberno español. 

Xulio Fernández, secretario comarcal da CIG-Industria, cre que para camiñar cara á recuperación "as Administracións teñen que intervir decididamente como única solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país". Lembra que a central nacionalista ten solicitado á ministra de Industria, Reyes Maroto, e ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, a constitución da mesa do naval da ría de Vigo na que abordar as solucións urxentes e concretas que precisa o sector. 

Rubén Pérez, secretario xeral de Industria de UXT, valora, en declaracións a Nós Diario, a reunión como "unha toma de contacto" e concorda en que, "a parte empresarial ten que facer os seus deberes e presentar proxectos viábeis que recuperen a actividade nos estaleiros" máis alá de que as propias Administracións "deixen de pórse de perfil neste sector e pasen das boas palabras aos feitos”. 

Pedro Comesaña, responsábel comarcal de Industria de CCOO, explica a Nós Diario que na reunión a patronal puxo enriba da mesa a reactivación da mesa do naval, na que tería un papel importante a propia Xunta. "Sería importante que fose unha realidade para implicar as Administracións e darlle unha solución ao que está pasando", opina.

Máis formación e transparencia

Comesaña indica que, ademais da falta de carga de traballo, non existen fondos para a formación do persoal que traballa nos estaleiros e nas empresas auxiliares. "É fundamental que as traballadoras e os traballadores sigan cualificándose, unha das razóns polas que moito persoal escapa deste sector", engade. 

Sobre este tema, Fernández trasladoulle á patronal que ten que facer do naval un sector atractivo para evitar a fuga de traballadoras e traballadores e poder recuperar o persoal cualificado que emigrou "na procura dunhas condicións laborais dignas e dunha estabilidade que aquí non atopaba". O sindicalista lembra que isto "non é posíbel se continúan asinándose convenios que empobrecen e deterioran as condicións laborais e salariais e que se ceban coas compañeiras e os compañeiros máis precarizados, como aconteceu na negociación do último convenio, no que Asime impuxo as súas condicións e algunhas centrais entraron a avalarlle ese xogo". 

Exixe a paralización do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) en Barreras e, ademais, o cese da represión sindical iniciada "contra compañeiras e compañeiros que están decididamente loitando pola non desaparición dos seus postos de traballo e por salvar o naval". Unha persecución que exemplifica no despedimento do delegado da CIG en Barreras, Rafa Pérez.  

En relación aos proxectos de futuro, a patronal informou na reunión mantida cos sindicatos da posibilidade de que se configuren novas iniciativas relacionadas coa eólica mariña e tamén coas achegas que virían dos fondos europeos Next Generation. Comesaña denuncia que "participamos nas mesas de diálogo mais non temos información, hai moito ocultismo sobre este tema por parte da Xunta".  

Folga parcial de CCOO e manifestación da Plataforma

Desde CCOO anunciaron esta terza feira a convocatoria dunha folga parcial, á que non se sumaron as outras organizacións sindicais, nos estaleiros vigueses para esta vindeira quinta feira das 10 até as 14 horas.

Esta  proposta de mobilización foi duramente criticada pola Plataforma de Traballadoras e Traballadores. Nun comunicado consideran que "ten como finalidade salvar os mobles da patronal" e indican que "está programada para fins moi distintos que a preocupación polo sector". Aseguran que "non van utilizarnos unha vez máis para os seus intereses, que nada teñen que ver cos nosos". Rematan o documento enviado aos medios de comunicación anunciando para este vindeiro día 22 de xullo ás 19.30 horas unha manifestación polas rúas de Vigo coa intención de "reverter esta situación".

comentarios