Máis de mil traballadores do naval vigués denuncian a "precarización" do sector tras a morte dun compañeiro

Os sindicatos piden que a Xunta convoque a mesa do naval para atallar os problemas que atravesa o sector.
Concentración de traballadores do naval diante da Xunta en Vigo (Paula Justo/EP).
photo_camera Concentración de traballadores do naval diante da Xunta en Vigo (Paula Justo/EP).

Máis dun milleiro de traballadores de estaleiros e industrias auxiliares do naval manifestáronse esta terza feira polas rúas de Vigo, en varias marchas que confluíron diante da delegación territorial da Xunta da Galiza, para denunciar a "precarización" do sector e a falla de control sobre as empresas, todo iso horas despois do falecemento dun operario que estaba a traballar nun barco e que foi esmagado por un portón metálico.

Á primeira hora da mañá os operarios partiron desde os diferentes centros de traballo e concluíron a súa marcha perante a delegación da Xunta, onde gardaron un minuto de silencio en memoria do seu compañeiro.

En declaracións aos medios, o responsábel do naval da CIG na comarca, César Rodríguez, subliñou que "todos os días" hai incidencias nas empresas, "unhas máis graves e outras menos graves", e que son resultado da precarización dun sector sobre o que apenas se exerce o control por parte das Administracións.

A ese respecto, puxo o foco nas pequenas empresas auxiliares multiservicios que, na súa opinión, convertéronse en "tratantes de carne humana", e reclamou que se convoque, tal e como demanda o sector desde hai anos, a mesa do naval. Así mesmo, incidiu en que "é primordial que a Administración e a Inspección" cumpran as súas funcións.

A Administración "mira para outro lado"

Pola súa banda, o responsábel de Industria de UXT, Rubén Pérez, proclamou que "a administración debe deixar de mirar para outro lado" nun sector atomizado, no que o tamaño das empresas dificulta o cumprimento das medidas de prevención e saúde laboral. "No subsector da reparación agrávase máis a exposición aos accidentes, ao non facerse no interior de estaleiros cunhas mínimas condicións", engadiu.

"Non pode ser que un traballador saia da súa casa e non saiba se vai volver por unhas condicións moi complicadas", recalcou, e urxiu a convocatoria das mesas de diálogo, porque "a competitividade non se pode gañar a base de precarización".

Mentres, o titular de Industria en CCOO Galiza, Víctor Ledo, criticou o "incumprimento" da Xunta, que hai un ano "comprometeuse a convocar unha mesa" para defender a industrialización e acabar coa precariedade.

Na mesma liña, o portavoz de Industria deste sindicato en Vigo, Celso Carnero, lamentou que "a política industrial da Xunta é cero", e cada día o traballo é "máis precario, con máis presión".

"A Xunta non quere á industria do naval, prefire apostar polo Xacobeo", ironizou Carnero, e advertiu de que o Goberno galego que saia das eleccións do 12 de xullo "terá que sentarse a falar" con este sector.

Comentarios