domingo 01/08/21

Vigo sae á rúa "para evitar que o naval desapareza"

A CIG urxe unha intervención pública directa para salvar o sector naval vigués e os empregos que del dependen
Manifestación pola defensa do naval nas rúas de Vigo. (Foto: CIG)
Manifestación pola defensa do naval nas rúas de Vigo. (Foto: CIG)

Centos de persoas participaron esta cuarta feira en Vigo na manifestación convocada pola CIG en defensa do sector naval e do futuro industrial da comarca. A marcha, que arrincou da Dobrada e rematou no farol de Urzaiz, serviu para denunciar a "situación límite" que vive un sector estratéxico da industria viguesa como é o naval.

"Non esaxeramos cando alertamos de que corremos o risco real de que o sector naval de Vigo, tal e como coñecemos, acabe desaparecendo", advirten desde a central sindical.

De feito, como lembran desde a CIG, levan moito tempo alertando do continuado devalar industrial que se está traducindo, desde hai anos, nunha verdadeira "desertización" da base produtiva no conxunto da bisbarra, e que queda patente no feito de que hoxe, só na cidade de Vigo, hai 5.400 empregos industriais menos dos que había no ano 2009; e só no último ano destruíronse por volta de 2.500 postos de traballo neste sector. "Esta situación ten causas e tamén responsábeis", sinalan desde o sindicato. 

En concreto, apuntan a falla de política industrial por parte da Xunta da Galiza, en mans do PP, que ten colocado a industria da comarca nunha situación de total desamparo e abandono.

"Mais, como repetimos de maneira insistente, o futuro de Vigo e a súa área será industrial ou non será. E como país non podemos permanecer impasíbeis diante do continuado retroceso do verdadeiro pulmón industrial que ten sido historicamente a área de Vigo".

"Estamos a presenciar en directo o naufraxio do sector naval. Temos o antigo Vulcano nunha rúa sen saída por culpa da brutal campaña antinaval emprendida polo PP desde a Autoridade Portuaria para converter un estaleiro centenario nunha prolongación da terminal de contedores. E a Barreras, principal estaleiro privado do Estado, nun punto crítico, coas gradas paradas e sen carga de traballo á vista", denuncian.

Ante esta situación, desde a CIG urxen unha intervención pública directa. "Diante da incapacidade do capital privado para pór en marcha as enormes potencialidades do sector naval, blindar o futuro desta actividade estratéxica esixe dotar a ría de Vigo dun estaleiro público ou semipúblico, no que toda achega de diñeiro estea condicionada á participación directa da toma de decisións". 

comentarios