xoves 05/08/21

CIG cualifica de "inxusto e mafioso" o despedimento do seu delegado en Barreras

A CIG chama a participar na manifestación do vindeiro 15 de xullo en Vigo para esixir unha solución para o sector naval e polo futuro industrial da comarca.
Protesta de representantes da CIG ás portas do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras (Foto: Nós Diario).
Protesta de representantes da CIG ás portas do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras (Foto: Nós Diario).

Representantes da CIG participaron nesta segunda feira nunha concentración convocada ás portas do estaleiro vigués Barreras para rexeitar o despedimento do representante da central sindical no comité e para esixir a súa inmediata readmisión. 

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na mobilización, cualificou a decisión da empresa de “inxusta, violenta e mafiosa” e adiantou que as mobilizacións para reclamar un futuro industrial para o sector e contra a represión sindical en Barreras continuarán esta quinta feira, 15 de xullo, cunha marcha polas rúas de Vigo.

Ao remate da protesta, que se desenvolveu entre as 11 e as 12 horas, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra para denunciar o despedimento do compañeiro no que considera un intento da dirección de "atemorizarnos e amedrentarnos na loita que levamos dende hai meses na defensa do sector naval no seu conxunto e en particular nesta empresa".

Nesta liña, Carril advertiu as persoas responsábeis da firma naval de que "non pensen que con este despedimento van amedrentar os traballadores e traballadoras do estaleiro ou van intimidar a CIG; estamos aquí para dicirlles que non temos medo. Por iso imos continuar coas mobilizacións para esixir a readmisión do compañeiro e demandar solucións que garantan o futuro do sector", incidiu Carril. 

Neste senso, chamou a participar na seguinte protesta, que terá lugar o vindeiro 15 de xullo e que consistirá nunha manifestación que sairá desde a Dobrada ás 19 horas para esixir unha solución para o sector e polo futuro industrial da comarca.

Terrorismo patronal

"A estas reivindicacións temos que engadirlle agora o rexeitamento da represión sindical, xa que nos atopamos diante dun feito que só se recorda nos libros de historia e que constitúe un comportamento típico de terrorismo patronal", sinalou.

Tamén cargou contra a "delincuente xestión" do estaleiro, incluíndo a pretensión de impor un ERTE "de forma fraudulenta e sen causa xustificada".

Finalmente, reiterou que "sen industria non hai futuro, e sen naval tampouco" e lamentou que "aínda por riba de que nos queren deixar sen emprego tamén pretenden roubarnos o noso dereito a protestar e a esixir os nosos dereitos".

comentarios