venres 30/10/20

Urxen a vender Vulcano para non facer anacos o estaleiro

Os ex traballadores do estaleiro denuncian que se atopan nunha situación "desesperada".
Deputados do BNG e membros do antigo comité visitan as instalacións de Vulcano (Foto: Europa Press).
Deputados do BNG e membros do antigo comité visitan as instalacións de Vulcano (Foto: Europa Press).

Os terreos do antigo estaleiro Vulcano na ría de Vigo seguen á espera de que se desbloquee a súa venda para poder retomar a actividade, tal e como pretende o empresario José Alberto Barreras.

Onte, o BNG e o comité de empresa da extinta factoría naval volveron urxir unha solución para que se poida vender o estaleiro e manter a actividade. Tamén alertaron de que, se o Porto de Vigo segue atrasando a operación,  aumentará o custo de manter as instalacións abertas, o que podería derivar nunha venda "por anacos".

Así o trasladou, tras manter un encontro con deputados e deputadas do BNG, o que fora presidente do comité de empresa, Nicolás Sangabriel, quen lembrou que os traballadores se atopan nunha situación "moi desesperada", xa que esgotaron as súas prestacións á espera de que se despexe o futuro das instalacións.

Segundo lembrou Sangabriel, a Xunta "asegurou que, se aparecía un proxecto viábel, isto sería carne sen ósos". O proxecto está sobre a mesa, cun investidor interesado e segue sen desbloquearse a posíbel continuidade da actividade de construción naval, á espera de que a Autoridade Portuaria que preside Henrique López Veiga "facilite" ese investimento.

Se non se desbloquea pronto a venda, apuntou o representante sindical, "haberá que cambiar o plan de liquidación e o estaleiro acabarase vendendo por anacos", o que pecharía a porta definitivamente a unha recuperación da actividade de construción de barcos.

Implicación da Xunta

Pola súa banda, o deputado do BNG e portavoz de Economía e Industria do grupo parlamentario, Mon Fernández, trasladou a "preocupación" desta formación pola situación de Factorías Vulcano, ao tempo que recordou que o goberno galego ten competencias exclusivas en materia de Industria e debe ser a "impulsora" para que "se dean todas as complicidades" que posibiliten manter a actividade no estaleiro. 

Neste senso, avanzou que o BNG volverá presentar iniciativas na Cámara galega para instar o Executivo galego a impedir o peche de  Vulcano. "Non está o patio para fechar ningún tipo de industria, e menos aínda unha industria especialmente cualificada, con capacidade exportadora", subliñou.

comentarios