A mortalidade laboral descendeu 32,5% na Galiza no primeiro semestre de 2023

A traxedia do 'Vila de Pitanxo' marcou a estatística galega de 2022.
Profesionais sanitarios evacúan un traballador despois dun accidente laboral o pasado verán no festival Son do Camiño, en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Profesionais sanitarios evacúan un traballador despois dun accidente laboral o pasado verán no festival Son do Camiño, en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

A Galiza rexistrou entre xaneiro e xuño deste ano un total de 13.346 accidentes laborais, 4,4% menos que no mesmo período do ano anterior. Deles, 30 foron mortais, o que supón unha diminución de persoas falecidas de 33% con respecto ao primeiro semestre do ano 2022. Non obstante, cómpre ter en conta que en febreiro de 2022 tivo lugar o peor accidente marítimo da historia recente da frota pesqueira galega, o afundimento do buque Vila de Pitanxo, que deixou un total de 21 mariñeiros falecidos.

Segundo reflicte o avance de datos de sinistralidade laboral publicado esta terza feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, 12.083 dos accidentes tiveron lugar durante a xornada laboral, dos que 11.891 foron leves e 165 graves. Ademais, 27 foron mortais, 32,5% menos que no primeiro semestre de 2022, cando se rexistraron 40 accidentes mortais durante a xornada laboral. A maiores, houbo 1.263 accidentes laborais in itínere (nos desprazamentos relacionados co traballo), e deles, 1.242 foron leves, 18 graves e tres mortais.

A nivel estatal, un total de 337 traballadores e traballadoras faleceron en accidente laboral nos seis primeiros meses deste ano, 57 menos que no mesmo período de 2022, o que en termos relativos implica unha caída de 14,5%. 

Índice de incidencia

O índice de incidencia de accidentes de traballo mortais en xornada laboral da Galiza segue a ser moito máis alto que o do conxunto do Estado español. Mentres que no país tiveron lugar 0,439 accidentes ao mes por cada 100.000 traballadores e traballadoras, a cifra descende a 0,234 a nivel estatal. A maior parte dos accidentes mortais prodúcense por infartos e derrames cerebrais, accidentes de tráfico, atrapamentos e amputacións, caídas e colisións contra obxectos en movemento.

Por outra parte, na estatística con respecto aos accidentes laborais que causan unha baixa, a Galiza (tan só por riba da Comunidade de Madrid) si se sitúa por baixo da media estatal. Desta forma, no país teñen lugar 196,6  accidentes ao mes que causan baixa laboral por cada 100.000 traballadores e traballadoras, mentres que no Estado español este índice elévase até 223,8.

Os accidentes mortais en xornada laboral entre a poboación asalariada galega descenderon de 35 a 21 entre o primeiro semestre de 2022 e o mesmo período deste ano. Porén, na comparanza entre 2021 e 2023 (que exclúe a traxedia do Vila de Pitanxo), foron cinco máis as persoas que morreron este ano, pois en 2021 rexistráranse 16 falecementos en xornada laboral. Os accidentes durante a xornada laboral que causaron unha baixa entre a poboación asalariada do país descenderon no primeiro semestre de 2023 con respecto ao mesmo período do ano anterior, pasando de 11.656 a 11.130 (-4,7%).

Ademais, a Galiza foi a segunda autonomía con máis mortes causadas por accidentes durante a xornada laboral no primeiro semestre do ano no colectivo de autónomos, con seis (unha máis que no mesmo período de 2022), as mesmas que en Catalunya e dúas menos que en Andalucía. No colectivo de autónomos as baixas derivadas de accidentes laborais no primeiro semestre foron 1.053 (-9,5%), 100 menos que no mesmo período de 2022.

"Moi pouca cultura de prevención e nula implicación da Xunta"

O responsábel do gabinete de Saúde Laboral da CIG, Fernando Sabio, en conversa con Nós Diario, sinala que "a Galiza segue sendo unha das autonomías en que hai unha maior incidencia de accidentes graves e mortais no traballo, o cal indica que non é que se faga unha mala prevención laboral, é que moitas veces nin se fai".

"A dispersión territorial e os sectores de maior importancia no mercado laboral galego, como o primario e o industrial pesado, así como o tamaño das empresas e a pouca cultura en materia de prevención, todo iso unido á nula implicación por parte da Xunta da Galiza nesta materia, provoca que sexamos ano tras ano unha das autonomías do Estado español cun maior índice de sinistralidade", sentencia o responsábel do gabinete de Saúde Laboral da CIG.

Comentarios