Galiza, á cabeza do Estado español en sinistralidade laboral: no que vai de ano houbo 29 accidentes mortais

CIG, CCOO e UXT denuncian a "cronificación" da sinistralidade laboral no país.
Os sindicatos denuncian a "cronificación" da sinistralidade laboral na Galiza. (Foto: Wellphoto)
photo_camera Os sindicatos denuncian a "cronificación" da sinistralidade laboral na Galiza. (Foto: Wellphoto)

Os sindicatos CIG, CCOO e UXT denunciaron esta cuarta feira a "cronificación" da sinistralidade laboral na Galiza, que presenta unha das peores cifras do Estado en accidentes e baixas asociadas ao traballo. Con motivo do Día mundial da seguridade e a saúde no traballo, as centrais emitiron senllos comunicados nos que piden ás administracións compromisos e medidas para atallar esta problemática partindo dunha mellora das condicións de traballo e da redución da temporalidade, factores que, subliñan, repercuten nesta problemática.

Así, CIG, Comisións e UXT inciden en que o país fica á cabeza nos índices de mortalidade a nivel estatal, con 48 falecementos o pasado ano, unha cifra que previsibelmente se superará este ano, no que se contabilizan xa 29 mortes até o presente mes de abril.

Na súa nota de prensa, a central sindical nacionalista advirte da "cronificación" da "inseguridade" laboral, algo que atribúe á "inoperancia e falta de vontade política" do Goberno galego para pór sobre a mesa medidas que melloren a prevención de riscos laborais nos postos de traballo.

A CIG propón, entre outras medidas, derrogar a lei que permite ás mutuas xestionar a incapacidade laboral

Neste senso, asegura que un galego ou galega ten "case o dobre" de probabilidades de sufrir un accidente laboral grave ou mortal que un traballador do resto do Estado, unha realidade "inaceptábel" da que destaca o incremento "estratosférico" de 78%, en comparanza con 2020, do número de falecementos por infartos, derrames e outros accidentes cardiovasculares.

Entre as súas propostas, a CIG avoga por desenvolver marcos galegos de relacións laborais e de políticas públicas de seguridade e saúde laboral "dotados dos recursos económicos, técnicos e humanos suficientes", mellorar a coordinación entre os servizos sanitarios e os dispositivos públicos de prevención e, por último, a derrogación da lei que outorga á mutuas capacidade de xestión da incapacidade temporal.

Pola súa parte, Comisións cualifica de "moi preocupante" a "falta" de prevención que reflicte un estudo elaborado por este sindicato a partir de enquisas en 234 empresas e centros de traballo da provincia de Ourense, do que extrae conclusións como que só 7% delas permite a participación da representación legal dos traballadores ou que 65% e 87% dos empregados descoñecen, respectivamente, o plan de prevención da compañía e a avaliación dos riscos do seu posto.

Só 7% das empresas ourensás permite a participación da representación legal dos traballadores

CCOO remarca que os traballadores e traballadoras da Galiza están nunha situación de "inseguridade", polo que apelan á resposnabilidade de institucións, administracións e empresas para "situar á prevención de riscos no centro da recuperación e ás persoas no centro de todas as políticas", así como "pór fin á inseguridade xeneralizada no emprego".

Por último, UXT demanda un plan de choque para afrontar a sinistralidade laboral, que reflicte un aumento de 18% rexistrado no último ano. O sindicato pon o foco na necesidade de "repensar" o modelo de xestión preventiva nas empresas e "fortalecer" os organismos encargados de velar pola seguridade e a saúde nos centros de traballo.

Desde UXT urxen "mudanzas lexislativas" que permitan "interiorizar a prevención no seo das empresas"

Nesta liña, ve preciso que se adopten "cambios lexislativos para interiorizar a prevención no seo das empresas, co fin de xestionar a prevención de forma eficaz", ao mesmo tempo que demanda a reversión da norma que permite a asunción por parte do empresario das tarefas en materia de prevención nos centros de menos de 25 traballadores.

Comentarios