A crise incrementou a sinistralidade laboral nos sectores produtivos galegos

En períodos de crise, nos que as empresas miran se cabe máis que nunca os capítulos de gastos e de ingresos, a saúde laboral é un dos capítulos que adoita  saír perdendo, o que contribúe a incrementar as cifras de sinistralidade laboral e as mortes no traballo, que neste 2022 van camiño de bater un triste récord.
O sector da construción foi un dos que máis incrementou a sinistralidade en 2021.
photo_camera O sector da construción foi un dos que máis incrementou a sinistralidade en 2021.

Os períodos de crise adoitan ser sinónimo de recortes, non só salariais, senón tamén no que ten a ver coa seguridade laboral no posto de traballo. Nas épocas de dificultades económicas, como na que afecta actualmente polo encarecemento das materias primas e as implicacións económicas da guerra en Ucraína, a realidade é que a sinistralidade laboral non deixa de aumentar. 

Nos últimos días, a Galiza sumou unha nova vítima mortal á súa extensa lista de falecementos no lugar de traballo. Unai Martínez, un empregado de 35 anos que realizaba labores de mantemento na refinaría de Repsol na Coruña, perdía a vida o pasado 29 de marzo ao non superar as feridas que lle provocara un accidente producido por un escape de gas catro días antes.

Ese mesmo mes, tan só unha semana antes, un mozo de 22 anos morría na fábrica de aluminios Cortizo, en Padrón, ao ser esmagado por unha máquina. 

Dúas vítimas en dúas semanas que manteñen a tendencia rexistrada o pasado ano no que, segundo os datos do Ministerio de Traballo, perderon a vida 53 persoas na Galiza, ben no seu centro de traballo ou dirixíndose ao mesmo. Isto é case unha vítima mortal por semana. 

A gravidade non baixa

Segundo as estatísticas do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) correspondentes ao exercicio 2020, o número de persoas falecidas en accidente laboral ascendeu ese ano a 59, a pesar dos confinamentos pola pandemia da Covid

Nese ano, reduciuse o número de sinistros no traballo, pero a gravidade dos mesmos foi a máis, en parte, segundo denunciaban entón desde os sindicatos, porque as empresas vén a prevención como un gasto máis que como un investimento.

No ano 2021, coa volta á normalidade en moitas das actividades, sectores como a construción viron incrementando o número de accidentes mortais na Galiza. Tan só na pesca houbo unha baixada no número total de accidentes laborais (-5,48%), que aumentaron até 22% nos servizos, un dos sectores máis afectados polos feches durante a pandemia e, por tanto, con menor actividade o ano anterior.

As vítimas do 'Vila de Pitanxo'

Estas comparativas deberían, cando menos, tender á estabilización. Lonxe diso, os accidentes laborais seguen á alza ano tras ano, e 2022 non vai ser unha excepción. 

De feito, o afundimento do Vila de Pitanxo, o peor accidente na historia do sector pesqueiro galego, con 21 vítimas mortais, vai facer medrar considerabelmente as estatísticas de 2021, xa que o acontecido na tráxica xornada do 15 de febreiro a 450 millas da costa de Terranova, en Canadá, vai sumar máis dun terzo dos falecidos en accidente laboral que rexistra a Galiza en todo un ano.

O sector da pesca é un dos que maior índice de mortalidade presentan en relación ao número total de accidentes. As condicións da mar non sempre son as adecuadas, como sucedeu no caso do Vila de Pitanxo, o que volveu pór sobre a mesa a necesidade de artellar protocolos sobre as condicións nas que saen a faenar os mariñeiros galegos.

Falla de recursos

Esta lacra golpea toda clase de colectivos. Non só ás persoas asalariadas que traballan para grandes empresas, senón tamén entre os traballadores e traballadoras por conta propia.

Sen ir máis lonxe, o pasado mes de febreiro, a Unión de Traballadores e Profesionais Autónomos (UPTA) deu a coñecer o dato de sinistralidade laboral en 2021 entre as e os profesionais por conta propia na Galiza. En total rexistráronse 2.116 accidentes, catro deles con resultado de morte, o que sitúa a taxa de sinistralidade en 12,8%.

Desde a organización profesional apuntaban entón como causas principais destes sinistros á "relaxación en materia de prevención", tanto das empresas como das e dos profesionais, sumado a unha cantidade de recursos "moi escasa" investidos nesta materia.

Comentarios