Morre un mariñeiro galego ao caer á auga no porto vasco de Ondarroa

O sindicato LAB denunciou que nin o Instituto vasco de Seguridade e Saúde Laborais-Osalan, nin a Inspección de Traballo cualificaron o ocorrido de "morte laboral", alegando que o operario se atopaba en días de descanso.
Un barco no porto de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un barco no porto de Viveiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Un mariñeiro de 66 anos de idade, que traballaba na embarcación Curvo, da Galiza, e que levaba varios días atracada no porto de Ondarroa (Euskadi), apareceu morto nesta localidade biscaíña, ao parecer, tras caer á auga nunha entrada e saída do barco a terra, segundo informou o sindicato LAB.

Nun comunicado, LAB denunciou que a Administración "non quere asumir a responsabilidade que lle corresponde", xa que nin o Instituto vasco de Seguridade e Saúde Laborais-Osalan, nin a Inspección de Traballo cualificaron o ocorrido de "morte laboral", alegando que o operario se atopaba en días de descanso. LAB quixo mostrar a súa dor e solidariedade a familiares, amizades e compañeiros do falecido.

Testemuñas presenciais indicaron ao sindicato que a embarcación Curvo da Galiza levaba varios días no porto de Ondarroa. Cando o barco estaba atracado, os mariñeiros estiveron vivindo alí durante os seus días de descanso e o mariñeiro falecido, de 66 anos, saíu do barco a terra e caeu á auga nunha destas saídas. Horas máis tarde, atoparon o seu cadáver na auga.

O sindicato abertzale leva tempo denunciando as "precarias" condicións de vida e de traballo dos mariñeiros e loitando por dignificalas. "Desgraciadamente, son frecuentes os accidentes que se producen nas entradas e saídas do barco ao porto e, aínda que resulte incríbel, aínda non existen as pasarelas e as medidas de seguridade necesarias para protexer as vidas das e dos mariñeiros", lamentou.

Ao seu xuízo, os accidentes que sofren os mariñeiros que viven nos barcos "obrigados polas condicións do seu traballo, son provocados por estas condicións. Por tanto, non hai a menor dúbida de que a patronal e a Administración deben adoptar medidas para evitar os accidentes causados polo traballo nos termos anteriormente citados".

Comentarios