"Moitas empresas da automoción levan axudas da Xunta e logo invisten en Portugal"

Falamos con María Xosé García, de CIG-Automoción. Este sector estratéxico olla con incerteza e preocupación un panorama marcado pola nova lexislación en materia enerxética e a falta de decisión política. 

María Xosé García, responsábel CIG-Automoción (Félix Cal)
photo_camera María Xosé García, responsábel CIG-Automoción (Félix Cal)

Como definiría a situación do sector da automoción na Galiza? 

É de incerteza. Levamos un ano cunha campaña para explicar como estamos e as estratexias que pensamos que poderían beneficiar o sector e atopámonos con que a resposta para mellorar vai encamiñada ao traballo precario. E non sabemos como será o futuro coa nova lexislación en materia de cambio climático e redución de gases. 

Que propostas presenta a CIG para saír adiante? 

Primeiro temos que estabelecer unha estratexia galega ben definida para o sector e desenvolver o que vai ser o futuro dos vehículos diésel. Se no Estado español imos atrasados con respecto a Europa, imaxina aquí! Necesitamos apostar polos coches híbridos, eléctricos e mesmo polos autónomos. Outra realidade é o coche híbrido de gas. Na actualidade en PSA-Citröen, a empresa da que dependemos as auxiliares, a produción máis grande é a de furgonetas, case todas diésel.  

A Xunta debería pór o seu grao de area? 

A Xunta, agora mesmo, non ten compromiso ningún máis que dar subvencións a multinacionais que despois non controlan se se inviste na propia empresa ou na calidade de vida das súas traballadoras. É un negocio que nos vai levar ao que aconteceu con Pemex. Se nos poñemos a pensar no coche eléctrico ou no de gas, non hai un investimento en poder ter sitios para poder cargalos. Non todas as gasolineiras están preparadas para iso e limítanos bastante. O Goberno galego non fai unha aposta política por iso. É un sector que está enfocado a dar enormes beneficios ás grandes empresas e multinacionais. 

As axudas ao sector non funcionan dalgunha maneira?  

Pedímoslle á Xunta, a responsábel de darlle subvencións á automoción, que se nos dixera de canto era e a que empresas chegaba. Moitas levan subvencións da Xunta e logo investen en Portugal. Nos últimos 10 anos a automoción medrou en Portugal máis do que aumentou na Galiza. Aquí creouse só unha, Benteler en Mos.

Cal sería a solución? 

Impulsar un plan galego de industria de automoción no que se recollan as medidas de apoio do I+D+i no sector. Especialización na fabricación de vehículos con maior valor engadido. Temos moita experiencia e capacidade de producir e exportar. Máis de 80% sae fóra e non debemos traballar para o low cost. O noso produto debería ter máis valor engadido. Como medidas sectoriais propuxemos unha mesa do sector integrada polo Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), as centrais sindicais e as tres universidades galegas. Consideramos que é importante porque agora só está integrado por Ceaga e precisamos estar aí coas nosas ideas, traballar en equipo.
 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios