PSA Vigo saca adiante o convenio co único apoio do sindicato independente

A fábrica de PSA en Vigo xa conta cun novo convenio colectivo para o período 2020-2023. O proceso negociador comezou o pasado 10 de xaneiro e após manter nove reunións, a compañía fixo valer a maioría coa que conta o Sindicato Independente de Traballadores (SIT-FSI) para sacalo adiante. Fóra quedaron CIG, CUT e por primeira vez CCOO á espera do que decida UXT. 
Operario en PSA Peugeot Citroën en Vigo (Arquivo-Europa Press)
photo_camera Operario en PSA Peugeot Citroën en Vigo (Europa Press)

A empresa aplicará ao cadro de persoal en 2020 un incremento salarial de 0,8% cunha actualización do resto de suplementos de 1,5%. Ademais disto, pagará 190 euros ao ano consolidados no complemento individual -salvo os niveis de formación e 1B, que integrarían estes cartos nun complemento de transición que se aplicaría en táboas ao alcanzar o nivel 1A- e unha prima lineal non consolidada de 300 euros.

Para o período 2021-2023, o incremento sería do IPC en todos os conceptos, distribuíndo o pago 50% en táboas e complemento individual e 50% restante en complemento individual -agás os niveis de formación e 1B, que recibirían o importe no complemento de transición mencionado. Esta remuneración podería variar cando se aplica unha garantía, que entraría en vigor sempre que o mercado europeo supere os 15 millóns de coches rexistrados ao ano. Se o IPC do ano anterior fose cero ou superior, engadiríase un 0,25%; se fose -0,25% ou menos, non se melloraría a remuneración; e se estivese entre cero e -0,25%, aplicarase un incremento resultante da diferenza entre 0,25% e o índice de prezos rexistrados.

Indignación na CIG 

"Aínda que a empresa diga que conta coa maioría absoluta non quere dicir que conte coa maioría das traballadoras e traballadores que están no centro de traballo", asegura a Nós Diario Manuel Domínguez, delegado da CIG en PSA Citröen Vigo. Desde esta central sindical consideran que a aprobacion deste convenio colectivo "é un insulto ao esforzo de todo o cadro de persoal neste tempo". Para esta forza sindical "esta negociación debera seguir aberta, sentarnos a negociar porque é un convenio que non goza da maioría de apoio dos traballadores, motivo máis que abondo polo que deberiamos seguir negociando". Domínguez cre que hai que "buscar  o maior consenso sindical como dixo a empresa cando comezamos a negociación".

CUT quere mobilizacións

Para a CUT son anos perdidos. "Agardabamos que fose un convenio de recuperación deses catro anos en que tivemos o salario conxelado e vendo os números do Grupo", asegura Víctor Mariño, delegado da CUT en PSA Citröen, a Nós Diario, "lonxe diso subscribiuse un convenio no que cremos que seguiremos a perder poder adquisitivo mesmo se retrocede en materias sociais", engade.

Este sindicato asegura que "tirará todo xuridicamente posto que a empresa non nos entregou ningunha documentación até a sexta feira pola noite e nin tivemos tempo".  Apuntan que observaron "moitas materias se modificaron e mesmo non saíron na mesa de negociación". Para a CUT "podemos dicir que houbo mala fe nesta negociación por parte da empresa". Por este motivo Mariño non descarta a folga.  "É unha estafa non só aos representantes legais senón tamén ás persoas traballadoras que moitas mesmo votaron a favor ou en contra dun convenio que logo distaba moito do que propuxo a empresa", engade.

Comentarios