luns 03/08/20

A Mesa do Congreso evita tratar no pleno a intervención pública de Alcoa en San Cibrao

A moción presentada polo BNG para que se fale da nacionalización destas empresas podería quedar para despois do verán
Protesta do persoal de Alcoa San Cibrao, Cervo, diante da entrada da factoría.(Nós Diario)
Protesta do persoal de Alcoa San Cibrao, Cervo, diante da entrada da factoría.(Nós Diario)

O urxente debate sobre a posibilidade de nacionalizar a planta de Alcoa San Cibrao (Cervo) e de intervir a de Alu Ibérica na Coruña non entrou onte na orde do día no pleno do Congreso das Deputadas. A moción que presentara o BNG o pasado día 24 de xuño como consecuencia dunha interpelación á ministra de Industria, Reyes Maroto, trataba de axilizar unha resposta do Goberno español sobre o futuro destas empresas.

A realización dun pleno extraordinario cunha nova orde do día permite non introducir os temas pendentes do pleno ordinario, unha situación que se pode repetir en vindeiros días, polo que podería darse o caso de rematar a negociación do expediente de regulación de emprego (ERE), prevista para o día 24 de xullo, sen pasar esta proposta polo Congreso. 

Unha decisión "escandalosa" para o BNG

A decisión tomada pola Mesa do Congreso, con maioría do PSOE e Unidas Podemos, foi considerada como "escandalosa" polo deputado do BNG, Néstor Rego. "Este é o momento en que todas as forzas políticas teñen que pronunciarse co seu voto no Congreso a favor dunha proposta que xa se evidencia como a única posíbel para conseguir que Alcoa manteña a actividade na Mariña e se preserve a totalidade dos postos de traballo", aseguraba o deputado nacionalista. 

Desde o BNG afirman que o propio Goberno estatal prevé, no Decreto 25/2020, un fondo para a intervención en empresas estratéxicas que pasen por unha situación de crise. "Por iso, resulta aínda máis rechamante que non estea disposto á intervención pública de Alu Ibérica e da planta de San Cibrao, cando están en xogo miles de postos de traballo", incide Rego. O nacionalista non deixou fóra o Goberno galego e lembra tamén que "a Xunta da Galiza non pode pórse de perfil nesta materia e ten que estar disposta a entrar nunha operación de intervención pública".

Persoal de Alcoa representa o seu ‘calvario’

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao en Cervo convocara para onte unha "acción sorpresa” na factoría, que consistiu na representación dun calvario,  procesión e a crucifixión dun boneco cunha careta do presidente da empresa no Estado español, Álvaro Dorado. Desde o comité de empresa non ocultan o seu malestar polo silencio da multinacional á petición de ampliar o prazo de consulta formal do ERE, que xa leva consumadas varias reunións. "Non está polo labor", foi a resposta que recibiu o seu presidente, José Antonio Zan, por parte da dirección. A empresa podería ampliar o prazo sempre que haxa "avances" na negociación do ERE.  

comentarios