martes 04/08/20

A Xunta xoga ao despiste con Alcoa

A Xunta, con competencias en materia de emprego e industria, prefire utilizar a súa artillaría para cargar contra o Goberno estatal en troques de buscar solucións para as familias cuxo futuro depende da continuidade de Alcoa San Cibrao (Cervo).
Caravana do persoal de Alcoa e das empresas auxiliares o 28 de xuño (Imaxe: Carlos Castro-Europa Press).
Caravana do persoal de Alcoa e das empresas auxiliares o 28 de xuño (Imaxe: Carlos Castro-Europa Press).

Pasan as semanas e o futuro da planta de aluminio primario e dos centos de familias que dela dependen segue no aire. O brote de coronavirus na Mariña fixo que as protestas perdesen intensidade a causa do confinamento decretado para frear a propagación do virus, mais o comité e as distintas Administracións seguen a traballar para buscar unha saída viábel que permita o mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca.

Pero nesa procura dunha solución, non todas as partes están a empregar a súa capacidade negociadora d mesmo modo. O Goberno español ten o poder de crear un marco regulamentario que permita a Alcoa reducir a súa factura enerxética para competir en condicións con resto de operadores  europeos e mundiais.

Nesa liña, desde Madrid comprométense a pór un prezo enerxético competitivo ligado a un plan de viabilidade industrial para os próximos 10 anos. O problema, como recoñeceu en máis dunha ocasión a ministra de Industria, Reyes Maroto, é que Alcoa, que nos últimos anos recibiu 37 millóns de euros en axudas do Goberno estatal, non pensa noutra saída que non sexa o feche da fábrica de San Cibrao (Cervo).

A voltas coa intervención

Pola súa banda, a Xunta da Galiza, con competencias en materia industrial e de emprego, prefire manterse nun segundo plano, pese a que tamén pode (e debe) contribuír dun modo determinante a salvar a economía da comarca da Mariña.

Hai uns días, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, falou abertamente da posibilidade dunha intervención pública, postura que defenden desde o primeiro momento os traballadores da factoría, mais déixalle esa responsabilidade en exclusiva ao Goberno español. Nada di de participar nesa suposta intervención e pór cartos para manter Alcoa a flote.

Un recente informe solicitado pola CIG á Universidade da Coruña sinalaba precisamente que a nacionalización das plantas de aluminio primario era a vía legal, posíbel e viábel para salvagardar a actividade e os empregos en Alcoa, e que o Goberno galego, ao igual que o español, podería recorrer á toma de control público destas plantas en aras do salvagardar o interese xeral e a utilidade social destas instalacións, atendendo ao elevado volume de emprego, a completar o ciclo produtivo ou á importancia da produción do aluminio para sectores como o automobilístico, aeroespacial, naval, edificación, etc.

Posíbel investidor

E mentres a Xunta agarda por unha saída para Alcoa sen achegar solucións, o Ministerio de Industria, convencido de que a empresa non ten un plan de futuro para a factoría, exíxelle á multinacional que dea un paso atrás. De feito, dálle unha semana para que "recapacite e ceda á venda".

Nesta liña, o comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, que a pasada terza feira se reuniu telematicamente co secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, recoñece a existencia dun "investidor industrial do sector do aluminio" que podería estar interesado en facerse coa planta e, deste modo, a Xunta evitaría quedar en evidencia por non ter actuado a tempo.

Marco enerxético

Ademais de atribuírlle en exclusiva a responsabilidade de intervención ao Goberno español, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, insiste en culpar desta situación o marco enerxético, mais esquece que co PP no Goberno de Madrid nada se fixo por mudar as condicións das industrias electrointensivas.

O seu conselleiro de Industria mesmo chegou a solicitar novas poxas de interrumpibilidade, un modelo criticado polos traballadores destas fábricas pola súa escasa eficacia, e a exixir a eliminación de impostos de carácter medioambiental.

A semana pasada, o propio Feixoo cargaba contra o que consideraba unha "política enerxética ideoloxizada" do Goberno español, que substitúe as enerxías tradicionais (carbón) polas renovábeis, cuxo prezo consideraba "incompatíbel" coa produción de aluminio en Alcoa.

Esquece o presidente da Xunta que é Bruxelas a que marca esas directrices e que o seu Goberno deu carta branca ás eléctricas para chantar muíños eólicos cunha tramitación ambiental exprés grazas á coñecida como "Lei de depredación da Galiza".

Tampouco lembra que desbotou a posibilidade de que o país contara cunha tarifa enerxética propia e omite que Maroto se comprometou a pór un prezo competitivo ligado a un plan de viabilidade industrial para os próximos 10 anos. As eleccións son as que mandan na Galiza.

comentarios