Mar alerta do impacto na frota galega das restricións para a pesca de fondo

A Consellaría alerta da posíbel perda de empregos e de buques na Galiza e a afección a determinadas artes menores.
O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)
photo_camera O 91% das capturas do acordo sitúanse no Sáhara Occidental. (Foto: Cepesca)

A Consellaría do Mar e as persoas representantes do sector pesqueiro galego amosaron onte a súa preocupación ante a posibilidade de que Bruxelas e outras institucións europeas decidas impor restricións e limitacións á pesca con artes de fondo en augas comunitarias, unha decisión que golpearía noutras artes menores como os miños, o bou de vara, os trasmallos ou os rastros de vieira.

Foi durante unha reunión do Consello Galego de Pesca na que advertiron de que esas medidas "complicarían a actividade dun importante número de embarcacións e mesmo podería derivar na perda de buques e empregos", ao tempo que insistiron na necesidade de actuar desde a Galiza para contrarrestar os plans destas institucións. 

A este respecto, desde Mar indicaron que xa lle trasladaron á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, un informe que dá conta da escasa pegada de carbono e a nula pegada hídrica que teñen moitas artes de arrastre de menor tamaño, algo que referendan tamén estudos internacionais.

Na mesma liña, o departamento que dirixe Rosa Quintana tamén lle remitiu un informe que sinala a interacción de diferentes elementos alleos á pesca sobre as zonas mariñas protexidas, ao tempo que requiriu do Executivo comunitario coñecer os informes biolóxicos, económicos e sociais que sustentan a súa proposta.

Pola súa banda, o Consello Galego de Pesca insistiu na necesidade de  facer ver ás autoridades competentes que todas as artes de pesca de fondo son respectuosas co medio ambiente se se empregan ben.

Novos informes 

De feito, como apuntan desde a Consellaría nun comunicado, a Galiza xa está a traballar noutros dous informes, un referido ao peso que as artes menores de pesca de fondo como os rastros, bous, miños ou trasmallos teñen na frota galega, e outro sobre o impacto socioeconómico que terían as posíbeis restricións sobre a pesca de fondo, tanto no sector pesqueiro de litoral como no que faena en augas comunitarias e internacionais.

Tamén co obxectivo de contrarrestar os plans para limitar esta actividade, Mar destaca os encontros mantidos a semana pasada con autoridades pesqueiras da Bretaña francesa, que se sumarán aos que terá proximamente con autoridades de Países Baixos ou Irlanda co ánimo de selar alianzas dado que, como na Galiza, contan con frotas que se verían afectadas por estas restricións.

Comentarios