Fronte común en Europa na defensa da pesca de fondo

Representantes do sector reuníronse esta semana co comisario comunitario de Pesca e anunciaron a creación da Alianza Europea de Pesca de Fondo.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro/Europa Press).

Unha alianza de organizacións pesqueiras de catorce estados membro da Unión Europea (UE), que representa máis de 22.000 pescadores e pescadoras e 8.000 embarcacións, vén de reunirse co comisario de Pesca, Océanos e Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, para manifestarlle a importancia e as realidades das actividades de pesca de fondo en toda Europa.

A xuntanza, que decorreu na cuarta feira, foi solicitada pola industria pesqueira debido á percepción negativa expresada pola Comisión Europea de cara a certas artes de fondo no contexto do plan de acción que o ente comunitario está a desenvolver para protexer aínda máis os recursos pesqueiros e os ecosistemas mariños no contexto da Estratexia de Biodiversidade 2030 da Unión Europea.

O sector expuxo a sustentabilidade e a importancia xeral destes métodos de pesca en todos os estados membros da UE e demostrou que están ben reguladas, controladas, investigadas e amplamente certificadas.

As persoas representantes da pesca de toda Europa falaron cunha única voz na reunión, destacando o "papel fundamental" que desenvolve a pesca de fondo, tanto a pequena como a gran escala, para garantir a seguridade alimentaria.

O presidente de Europêche e secretario xeral da Confederación Española de Pesca (Cepesca), Javier Garat, convocante da reunión co comisario, declarou: "Os nosos barcos desembarcan anualmente máis dun millón de toneladas de peixe saudábel e sostíbel, o que representa arredor de 25% do total dos desembarques comunitarios".

"O valor dos desembarques xera case 40% dos ingresos totais do sector, contribuíndo á riqueza, o emprego e o tecido industrial de moitas comunidades costeiras e periféricas", engadiu.

Na reunión de Bruxelas, os representantes da industria anunciaron a creación da Alianza Europea de Pesca de Fondo (EBFA), que representa as frotas de pesca de fondo con sede na UE. A alianza lanzarase o próximo mes co obxectivo de defender, apoiar e mostrar o medio ambiente, realidades económicas, sociais e culturais das actividades pesqueiras de fondo nas nacións pesqueiras da Unión Europea.

Comentarios