A Seguridade Social perde 1.093 persoas afiliadas no mes de novembro na Galiza

O número de persoas desempregadas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 962 na Galiza o pasado mes de novembro respecto ao mes anterior. Aínda así, hai 142.758 persoas no desemprego.

Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Mural sobre o desemprego (Imaxe: Nós Diario)

A Seguridade Social perdeu na Galiza unha media de 1.093 cotizantes en novembro, en comparación co mes anterior (-0,1%), até situarse nos 1,04 millóns de afiliados, segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. No último ano, o número de cotizantes subiu en 12.110 na Galiza un 1,17% máis. Un incremento inferior ao da media estatal, onde este dato creceu un 2,69%, con 531.273 persoas nos últimos 12 meses.

Do total de cotizantes galegos, 820.764 corresponde ao réxime xeral, mentres que había 206.503 autónomos en novembro e 20.341 persoas dedicadas ao mar. Entre outros datos, o Ministerio tamén informou dos traballadores en ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), que se situaron nos 2.226 a final de mes.

Desemprego

Segundo os datos publicados na sexta feira polo Ministerio de Traballo e Economía Social, recollidos por Europa Press, nos últimos doce meses o paro descendeu en 9.989 persoas, un 6,54%. Con respecto ao mes de outubro, o desemprego baixou en 962 persoas (-0,67%).

Do total de persoas no desemprego, 59.459 eran homes e 83.299, mulleres, representando estas o 58,3% do total. Entre outros datos, 5.963 desempregados tiña menos de 25 anos.

Sectores

Por sectores, 101.278 persoas pertencían a empregos relacionados cos servizos, o 70,9% do total. Pola súa parte, un 3,3% era de agricultura (4.774 persoas); un 10,4% traballaba na industria (14.789 persoas); un 7% no sector da construción (9.924 persoas), e un 8,4% non tiña emprego anterior (11.993 persoas).

Foi o sector servizos -un dos máis precarizados- o que tivo un maior descenso do desemprego, con 865 persoas, ademais da industria, con 227 parados menos. Pola súa parte, a agricultura (+23) e a construción (+53) aumentaron o número de persoas no desemprego, así como a poboación que non tivo nunca un emprego (+54).

Datos estatais

A nivel estatal, o número de persoas no desemprego rexistradas baixou en 33.512 en novembro en relación ao mes anterior (-1,1%), o seu segundo maior retroceso neste mes dentro da serie histórica tras o experimentado en 2021 (-74.381 desempregados).

Tras esta caída, impulsada sobre todo polo sector servizos, o número total de desempregados situouse ao finalizar novembro en 2.881.380, a menor cifra nun mes de novembro desde 2007.

Novembro é un mes no que adoita subir o desemprego. Desde o inicio da serie histórica comparábel en 1996, o paro aumentou en 21 meses de novembro e baixou en seis. O deste ano foi o segundo descenso máis acusado tras o de 2021, ano marcado pola pandemia.

 

 

Comentarios