O salario medio da poboación galega menor de 25 anos foi o pasado ano inferior ao de 2006

A mocidade é unha das grandes prexudicadas da 'gran recesión' e da crise derivada da pandemia. Os indicadores económicos, particularmente os referidos a emprego e poder adquisitivo, apuntan a que a historia vai camiño de repetirse.
O salario medio do total da poboación activa supera en 47,2% o dos menores de 25 anos (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera O salario medio do total da poboación activa supera en 47,2% o dos menores de 25 anos. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O salario bruto anual na Galiza situábase de media en 2021, último ano con datos, en 21.856 euros. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a súa contía era 388 euros inferior á de 2018, 1.661 euros superior á de 2014 e até 4.846 euros maior que en 2006. Neste sentido, o poder adquisitivo para o conxunto da poboación galega, tendo en conta a alza do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), aumentou en 1,1% en relación a 2006, mais caeu 4% en relación a 2014 e 9,5% respecto a 2018.

A desvalorización interna chegou a unhas cifras moito máis elevadas no caso do colectivo xuvenil. Así, o salario bruto anual medio na Galiza en menores de 25 anos foi de 11.523 euros en 2021, 330 euros menos que en 2006, 70 euros menos que en 2014 e 141 euros menos que en 2018. A este respecto, nesta faixa de idade, o poder de compra rexistrou unha caída de 15,1% en relación a 2006, de 11,60% en relación a 2014 e de 9,6% en relación a 2018.

A situación repetiuse para o grupo de idade de entre 25 e 34 anos. Neste caso, o salario bruto anual medio na Galiza marcou 17.611 euros na anualidade de 2021, resultando 2.311 euros superior a 2006, 1.280 euros superior a 2014 e 398 euros inferior a 2018. Así, a baixa do poder adquisitivo foi de 14,1% respecto a 2006, de 3,7% respecto a 2014 e de 9% respecto a 2018.

A fenda salarial entre a mocidade e o conxunto das traballadoras e traballadores é moi acusada. Así, a remuneración dos empregados menores de 25 anos é 10.333 euros ao ano inferior ao da media da poboación ocupada, rexistrándose unha diferenza de 47,2%. Para as persoas entre 25 e 34 anos, a fenda é de 4.245 euros ao ano, 19,4% menos que a media anual do conxunto dos asalariados. 

A temporalidade e a parcialidade explican parte deste peor comportamento salarial da mocidade. En 2021, o colectivo sufría as taxas máis altas de parcialidade, acolléndose a esta modalidade 19% do total de persoas ocupadas menores de 35 anos, fronte a 13,3% do conxunto da poboación, o que supuña 5,7 puntos de diferenza. Asemade, 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos dispuñan dun contrato temporal, cando no total poboación ocupada esta porcentaxe era de 22%.

Os datos da Galiza atópanse en liña cos do conxunto do Estado. Precisamente, un informe elaborado no pasado mes de novembro por Oxfam Intermon para o Consello da Xuventude de España baixo o título de A maldición da eterna xuventude confirma esta tendencia. Asemade, certifica que as xeracións nacidas na década dos anos 90 e 2000, coñeceron un crecemento económico inferior ás súas antecesoras.

O relatorio de Oxfam Intermon sinala que “o índice de prezos creceu 35% respecto a 2006, mentres que o salario nominal dos e das mozas entre 25 e 34 anos subiu tan só 25% e o dos menores de 25 anos 15%”. Ao tempo, significa que “en termos reais, a caída do poder adquisitivo dos e das menores de 35 anos con respecto a 2006 foi de 17% para mozos entre 16 e 24 anos e de 10% para as persoas entre 24 e 34 anos”.

A maldición da eterna xuventude apunta que “a mocidade nada nos 2000 (xeración Z) e a nada na década dos anos 90 (xeración millennial), foron as xeracións que menor crecemento económico viviron durante a súa mocidade. Así, a xeración Z, a idade de 20 anos, atopouse un crecemento económico 40% inferior ao que gozaron as persoas nadas na década dos anos 60 á súa mesma idade. Mentres, que os nados na década dos anos 90, viviron, a 30 anos, un crecemento 50% inferior ao da xeración dos anos 60 a esa mesma idade”.

Informe Genera

As conclusións achegadas por Oxfam Intermon confirman as negativas consecuencias para a mocidade da 'gran recesión' -a crise que estalou en 2008- e da crise derivada da pandemia. Así, respecto a esta última, un informe elaborado en 2021 dentro do proxecto Genera, destaca que “66% dos millennials viron reducido o seu salario, unha porcentaxe que na xeración Z, aquela formada por persoas entre 16 e 23 anos, alcanza 69% e na chamada a xeración X, composta pola poboación entre 40 e 54 anos, sitúase en 50%”.

371.673 emigrantes desde 2009

A perda de poder adquisitivo da mocidade prodúcese ao tempo que o incremento do desemprego. Neste sentido, a saída para unha parte importante da poboación galega nesta faixa da idade foi a emigración: 371.673 persoas, 38% delas menores de 29 anos, abandonaron Galiza desde o ano 2009.

Comentarios