Un laudo do árbitro laboral oponse ao fechamento das cubas en Alcoa

O tempo corre contra a continuidade do emprego na fábrica de aluminio da Mariña. O mesmo día no que o arbitro laboral desestimou a petición de Alcoa para acelerar o fechamento das cubas, Néstor Rego urxiu o Goberno do Estado a concretar a intervención aprobada. A solución ao conflito é política.
Protesta dos traballadores de Alcoa o pasado domingo en Lugo (Foto: Eurpa Press)
photo_camera Protesta dos traballadores de Alcoa o pasado domingo en Lugo (Foto: Eurpa Press)

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa instando o Goberno español a que adopte de inmediato un calendario de actuacións para a intervención pública da planta de Alcoa en San Cibrao. “Desta forma darase cumprimento ao acordo adoptado na Comisión de Industria do Congreso dos Deputados, para o que deben iniciarse os trámites para a intervención da empresa”, sinalou Rego.

“A solución ao fechamento de Alcoa non virá da man de decisións xudiciais, polo que resulta preocupante que, quer a Xunta quer o Ministerio, se inhiban de actuar e se limiten a esperar a decisión dos Tribunais en lugar de tomar a iniciativa para dar unha saída política á situación, a única saída posíbel ao conflito neste momento”, afirmou Nestor Rego, quen se referiu ao procedemento onde se dirimen as medidas cautelares sobre o ERE destacando que “os traballadores ameazados de forma directa coa perda do seu posto de traballo lograrían un pouco máis de tempo. Con todo, non evitará o inminente feche da fábrica e, con ela, a desaparición de miles de postos de traballo e o desastre económico para toda a comarca da Mariña”.

A iniciativa de Rego chegou o mesmo día que un laudo arbitral do Consello Galego de Relacións Laborais confirmou os servizos mínimos da folga da factoría de San Cibrao acordados o pasado oito de outubro entre a empresa e os traballadores. A este respecto, a resolución sinala que os servizos foron “aplicados pacificamente desde o comezo da folga” e por conseguinte oponse á petición da empresa de destinar máis traballadores con vistas ao proceso de parar as cubas.

Comentarios