Néstor Rego rexistra no Congreso unha proposición non de lei para a nacionalización de Alcoa San Cibrao

O BNG salienta que estabelecer unha tarifa eléctrica galega "será a única maneira estábel e duradeira de favorecer a viabilidade da industria galega".
Néstor Rego mostra imaxes das protestas de traballadores de Alcoa no Congreso (Alberto di Lolli/EP).
photo_camera Néstor Rego mostra imaxes das protestas de traballadores de Alcoa no Congreso (Alberto di Lolli/EP).

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar unha proposición non de lei (PNL) para que se interveña a planta de Alcoa en San Cibrao para retornala ao ámbito público, nacionalizándoa para así manter os postos de traballo e o futuro económico e social de toda a comarca da Mariña.

"Nin o marco normativo galego, nin o do Estado, nin o da Unión Europea impiden a nacionalización de Alcoa; polo tanto, esta solución só necesita da vontade política das Administracións públicas, solución que permitiría preservar o emprego e salvar unha comarca enteira", salientou Rego.

Segundo traslada o BNG, alén das circunstancias conxunturais do mercado do aluminio, o principal problema que ameaza a viabilidade da empresa son os altos custos da enerxía eléctrica, que resulta imprescindíbel para a produción nesta planta de aluminio.

Por isto, as nacionalistas ven urxente "pór en marcha unha tarifa eléctrica galega que abarate a enerxía para as empresas -facéndoas máis competitivas- e permita ás familias beneficiarse da riqueza enerxética do seu país". "Esa será a única maneira estábel e duradeira de favorecer a viabilidade da industria galega", inciden.

Rego explicou que "Galiza é un país exportador de enerxía eléctrica, que soportou os custos sociais e soporta aínda os ambientais desa produción, polo que sería de xustiza que en compensación o territorio galego puidese regular o seu propio marco enerxético e que o custo fose menor para os consumidores e  para a nosa industria".

Así mesmo, nesta PNL presentada no Congreso tamén se inclúe a necesidade de "activar un Estatuto do consumidor electrointensivo realmente eficaz", un compromiso do Goberno español que aínda non cumpriu, que segundo argumenta Rego "permitiría que factorías como Alcoa San Cibrao puidesen manter a súa actividade produtiva sen perdas económicas".

Comentarios