Lactalis e Leite Celta ameazan con baixar os prezos ás granxas de leite ecolóxico

A Federación Rural Galega (Fruga) considera inxustificada esta imposición unilateral e exixe una negociación entre granxas e industria.

XANCEDA GRANXA vacas leite

En tempos de emerxencia sanitaria e aumento do consumo de leite algunhas industrias do sector procuran saír beneficiadas. É a denuncia que realiza a Federación Rural Galega (Fruga) após recibir queixas de perto dun cento de explotacións lácteas.

Segundo a organización agraria, gandeiras e gandeiros da Galiza, produtoras de leite ecolóxico, están recibindo toda unha serie de comunicacións e ofertas para os futuros contratos lácteos, nas cal se observan unha baixa de 3 céntimos de euro por litro.

Na actualidade só hai dúas industrias que comercializan este tipo de produción: Lactalís e Leite Celta. Por este motivo desde Fruga sinalan que “unha vez máis as ganderías deste tipo de produción vanse ver afectadas por unha baixada inxustificada, que só responde aos intereses destas dúas industrias”.

Estratexia das industrias

Explican que “cando non existía este tipo de produción, estas empresas dedicáronse a fomentala e unha vez conseguido o seu obxectivo que non era outro que cubrir as súas necesidades de mercado, agora optan por impor uns prezos de forma unilateral”.

A estratexia destas grandes industrias denunciada pola Fruga consiste en que elas “fixan os prezos de forma unilateral e ás granxas só nos queda a opción de asinar o que nos poñen riba da mesa, porque do contrario deixarían de nos recoller a nosa produción”.

Produción fundamental para o agro galego

O leite ecolóxico tivo un aumento considerábel nos últimos anos. Desde Fruga sinalan que a razón é “a importante demanda que está a ter entre consumidoras e consumidores”.

Relatan que este tipo de producións “son de suma importancia no agro galego, tendo en conta, que as condicións físicas e climatolóxicas de Galiza, préstanse para o desenvolvemento da gandería ecolóxica”. A baixada de prezos proposta pola industria é “inxustificada” para Fruga e aseguran que prexudica as ganderías inscritas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega).

Comentarios