A Fruga recimina a Feixoo por considerar non "preocupante" a redución de explotacións lácteas

Desde o sector agrario criticaron as declaracións do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, nas que asegurou que a redución de granxas lácteas na Galiza “non é preocupante”. O presidente galego avogou en que o país camiñe cara a un modelo de explotación intensiva.

Produción leiteira
photo_camera Produción leiteira

A Federación Rural Galega (Fruga) reciminoulle a Alberto Núñez Feixoo as súas declaracións en que considerou como “non preocupante” a redución de explotacións lácteas na Galiza. O presidente da Xunta pronunciou estas palabras a pasada terza feira, 2 de xullo, durante unha visita institucional ás novas instalacións da empresa leiteira Larsa en Outeiro de Rei. Durante a súa intervención na factoría insistiu en que o país debe camiñar cara a un modelo de “explotacións intensivas”.

O coordinador da Federación Rural Galega en Lugo, Elías Somoza, criticou as declaracións do presidente da Xunta por non dar importancia á problemática da redución de granxas. Somoza, pola contra, considera preciso para a Galiza ter un sector lácteo con futuro desde unha produción cos pés na terra e que sirva para fixar poboación no rural.

Nese sentido, Somoza considera urxente atraer e consolidar poboación no rural para, precisamente, contar cun medio rural vivo, e para iso é imprescindíbel, segundo sinala, que haxa actividade no campo. Resaltou ademais como unha das principais actividades para conseguir tal fin o sector leiteiro.

Somoza tamén criticou a Xunta por non preocuparse do sector e por considerar estratéxica a produción de eucaliptos

Ademais, Somoza tamén censurou a Xunta por non preocuparse do sector e por considerar estratéxica a produción de eucaliptos para dar materia prima barata a Ence mentres acaba co futuro do rural e dos montes galegos.

A realidade que afronta o sector galego deixou no último ano máis de 400 explotacións leiteiras co feche posto. A tendencia é tan negativa que, de feito, tan só no pasado mes de marzo de 2019 perdeuse un total de 19 explotacións no país.

O propio Somoza xa sinalou a Sermos Galiza que a problemática reside nos baixos prezos que se aboan por litro de leite e que oscilan entre os 29 e os 30 céntimos. “Trátase de prezos moi baixos sobre todo ao comparalos coa media que se paga no Estado e en Europa”, denunciou. Nese sentido, esgrimiu que as causas da caída nos prezos atópanse nos contratos asinados coas industrias, xa que “as empresas están a impor prezos de forma unilateral sen ningún tipo de negociación coas gandeiras e gandeiros”.

Outros dos problemas que están a incrementar as perdas do sector son os danos producidos pola fauna salvaxe. O sector agrario ten denunciado a Xunta polo seu desentendemento antes esta problemática e esixíronlle reiteradas veces que cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes. Urxe á creación dun fondo de corresponsabilidade, que xa ficara previsto na Lei de Caza do 2013. 

Comentarios