Fruga: “Galiza é zona subministradora de leite barato para beneficio das empresas de fóra”

A Federación Rural Galega critica o papel das administracións, “deixando que as industrias e a distribución fagan o que realmente lles pete”.

sectordoleite

Mais de 80% do leite galego é recollido, transformado e comercializado por empresas de fóra de Galiza e 33% dese leite sae de Galiza sen ningunha transformación, sendo as empresas de fora as máis beneficiadas polos baixos prezos que se pagan ás explotacións. “Galiza fica, entón, como subministradora de leite para beneficio destas empresas”, conclúen desde a Federación Rural Galega esta reflexión.

O colectivo indica que o recente informe sobre o sector lácteo, publicado polo  CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentario), amosa a situación real na que se atopan as explotacións leiteiras galegas. Cuns prezos que se pagan ao produtor por litro de leite á cola do Estado español e Europa

“Vemos como noutras partes do estado, como poden ser Asturias, Euskadi, ou Andalucía, os prezos medios son moi superiores, debido en gran parte ao importante papel que ten o sector cooperativo, no que se refire a transformación e a comercialización”.

Ademais, indica esta organización, nestes momentos estanse a “percibir síntomas preocupantes”, especialmente no que se refire os contratos referenciados à evolución dos prezos dos derivados lácteos, concretamente a manteiga e o leite en po. Nos últimos meses os prezos destes derivados sufriron importantes baixadas nas poxas internacionais, co cal estas baixas repercuten de forma directa no prezo que perciben as granxas galegas, advirte Fruga.

E perante este escenario, denuncian, o papel das administracións, especialmente a Consellería do Medio Rural, “está a ser dun mero espectador, deixando que as industrias e a distribución fagan o que realmente lles pete”. Un desleixo que se traduce en que, por exemplo, 464 explotación lácteas tivesen que fechar en Galiza en 2017.

Comentarios