O inicio do ano laboral na Galiza: 10 traballadores mortos e 4.600 sinistros

UXT avisa da febleza da prevención laboral.

UXT alertou da febleza da prevención laboral que se evidencia coa crise sanitaria do coronavirus e lembrou que nos dous primeiros meses de 2020 houbo 4.600 accidentes laborais na Galiza, nos que se rexistraron 10 vítimas mortais.

Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios con motivo da celebración, o 28 de abril, do Día Internacional da Saúde e Seguridade no Traballo e no que sinalou que ao longo de 2019 un total de 32.651 traballadores e traballadoras sufriron accidentes na Galiza, sinistros nos que se produciron 62 mortes.

O sindicato destacou un "mercado laboral marcado pola precariedade" e avogou por realizar propostas de cambio na normativa e novas políticas que permitan mellorar a saúde e a seguridade dos traballadores.

UXT sostén que a crise da COVID-19 evidencia a súa demanda histórica de que a saúde laboral "sempre debeu formar parte da saúde pública". "Esta crise demostrou nefastos resultados nun sistema de prevención da saúde mercantilizado", manifestou.

Así mesmo, a organización sindical considera que os recortes en materia de prevención rexistrados nos últimos anos, desde a crise do 2008, "tamén se pagan hoxe nesta crise" e afirma que a pandemia acabou por "arrasar" a prevención que xa funcionaba como "un negocio", coa externalización da súa xestión e a mínima regulación do mercado por parte das administracións.

Comentarios