martes 04/08/20

Máis da metade das empresas incumpren a obriga de investigar os accidentes laborais

300.000 accidentes de traballo fican anualmente sen investigar, sen que iso implique ningún tipo de sanción para a maioría das empresas que incumpren a legalidade neste campo. O Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG analiza esta situación no seu último boletín.

Máis da metade das empresas incumpren a obriga de investigar os accidentes laborais

Máis da metade das empresas incumpren coa obriga de investigar os accidentes laborais embora ser esta unha obriga. O artigo 16.3 da Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL) estabelece a obriga do empresariado de “investigar os feitos que teñan producido un dano para a saúde das e dos traballadores, co obxectivo de detectar as causas deses feitos”. Mais, denuncia o último boletín de saúde laboral elaborado pola CIG, isto é papel mollado para a maioría das compañías.

O sindicato toma datos da Enquisa Anual Laboral (EAL) realizada polo Ministerio de Traballo, no ano 2016, que revelou que só 34,4% das empresas españolas investigaba os accidentes laborais. “Isto é, que 65,6% das empresas non cumpren coa súa obriga legal de investigar os accidentes. Se temos en conta que os accidentes non investigados rondan 60%, isto supón que uns 300.000 accidentes de traballo quedan anualmente sen investigar, sen que isto implique ningún tipo de sanción para a infinita maioría das empresas que non cumpren coa legalidade nesta materia”, indica.

A investigación dos accidentes/incidentes de traballo é un instrumento necesario e imprescindíbel para coñecer as causas que os provocaron, así como para que se poidan adoptar as medidas preventivas necesarias para eliminar esas causas e reducir a posibilidade de que se poidan repetir ese tipo de accidentes.

No boletín recóllense unha serie de propostas para mudar a situación. Así, proponse esixir que a contratación da investigación de accidentes forme parte obrigatoria do contrato de prestación dos servizos a realizar polos Servizos de Prevención Alleos (SPA), ou ben que cando a Inspección de Traballo reciba unha comunicación de accidente a través do sistema [email protected], este emita automaticamente un requirimento para que a empresa lle presente o Informe de Investigación do Accidente (IIA).

Galiza lidera a mortalidade por sinistralidade laboral no Estado. O país está á cabeza do Estado español en índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros laborais mortais. Duplicamos a media estatal no que é unha constatación máis do preocupante panorama que nos accidentes laborais rexistra Galiza. No Estado hai 3,24 sinistros mortais por cada 100.000 traballadoras. Na Galiza hai 6,05.

comentarios