Xustiza

"Imos gañar o preito das nosas vidas": a avogacía de oficio comeza unha folga indefinida

O sector reclama á Xunta o incremento das prestacións nas quendas.
Concentración do persoal da avogacía e da procuración nos xulgados de Compostela para reclamar melloras na quenda de oficio (Foto: Europa Press).
photo_camera Concentración do persoal da avogacía e da procuración nos xulgados de Compostela para reclamar melloras na quenda de oficio (Foto: Europa Press).

O persoal da avogacía e da procuración iniciou esta terza feira a súa folga indefinida en reclamación de melloras nas contraprestacións que reciben por exercer a obrigatoria quenda de oficio tanto desde o punto de vista económico como en materia de conciliación laboral ou responsabilidades burocráticas. "Este é o preito das nosas vidas e ímolo gañar", proclamaron desde a concentración de Compostela.

O da capital e o resto de xulgados galegos rexistraron concentracións ás 12 horas. Ademais, os paros motivaron a suspensión de decenas de procedementos convocados para a xornada inaugural desta folga, a cal o persoal cualificou de "histórica".

"Por primeira vez, os avogados e procuradores, unidos, decidimos exercer con carácter indefinido o dereito fundamental á folga", proclamaron no manifesto lido no edificio xudicial das Fontiñas, en Compostela.

As voceiras do colectivo, que suma un total de 3.000 profesionais en toda a Galiza, agradeceron a comprensión e colaboración co exercicio do dereito a folga por parte da xudicatura e dos letrados da administración de Xustiza, así como da Fiscalía.

A portavoz do sindicato Venia na Galiza, Rosa Lorenzo, destacou o seguimento "masivo" da xornada con "decenas" de procedementos, actos e vistas suspendidas en case todos os xulgados do país.

O persoal demanda á Xunta, que ten delegadas as competencias na prestación da asistencia de Xustiza gratuíta, que eleve a prestación económica que perciben pola quenda de oficio, considerada unha "indemnización", termo que consideran unha "humillación" e que ven como "herdeiro dunha concepción decimonónica" da profesión "que xa non encaixa coa realidade".

Comentarios