Avogados e avogadas de oficio van á folga por primeira vez na historia

Avogados e avogadas da Galiza convocaron esta cuarta feira unha folga na quenda de oficio en Compostela, Vigo, Ferrol e A Coruña co obxectivo de exixir que se lles recoñeza o seu vínculo de emprego coa Administración e os seus dereitos laborais.
Vista oral nun proceso xudicial na Cidade da Xustiza de Vigo (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Vista oral nun proceso xudicial na Cidade da Xustiza de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Persoal da Avogacía está a organizarse para denunciar os problemas que teñen tanto no caso das quendas de oficio como coas Mutualidades de Avogacía. De feito, polo primeiro problema fica convocada esta cuarta feira unha xornada de folga.

Nun comunicado, o sindicato Venia, quen formalmente convocou o paro, destacou que a Administración, que dispón dos servizos do persoal para cumprir o mandato constitucional de proporcionar o dereito a Xustiza Gratuíta a quen non ten medios, "négase a recoñecer ningunha vinculación como persoal laboral especial".

Así, o persoal censura que non se lles recoñece "dereito a baixas por enfermidade nin vacacións" e que non poden "cotizar polo traballo encomendado". "Mesmo se lle denominan indemnizacións ás ínfimas retribucións que se nos abonan", asegura o sector da Avogacía.

"Ante esta insostíbel situación", as letradas e os letrados da quenda de oficio declararon a primeira folga no sector da historia da Galiza. A Dirección Xeral de Relacións Laborais resolveu a aceptación da xornada de paros convocados a pesar de que os profesionais que se adscriben á quenda de oficio son traballadores autónomos.

Porén, a Administración de Xustiza, dependente da Xunta da Galiza, afirmou que non lle compete o estabelecemento de servizos mínimos ao non tratarse de persoal laboral da Administración, polo que hoxe se esperan importantes complicacións no servizo. 

Segundo sinalou Noemí Muleiro, do grupo de Avogacía creado en Vigo, a situación deixou o persoal nun "limbo" ante a falta de coñecemento sobre os servizos mínimos estabelecidos. Tras a aceptación da folga, os profesionais estaban expectantes por coñecer como resolvía a Administración esta situación.

O sector apoiou os paros na maioría das cidades galegas sen coñecer o alcance dos servizos mínimos fixados, mais a decisión da Xunta impediu organizar o seu cumprimento, ao non terse feito ninguén responsábel de marcalos.

As mutualidades

Fontes do sector da Avogacía consultadas por Nós Diario confirmaron que o sector tamén se está a organizar para intentar resolver a cuestión das mutualidades e constituír unha asociación profesional para defender os seus dereitos.

Desta forma, os profesionais denuncian que até 1995 tiñan a obriga de acollerse á Mutualidade da Avogacía, sen ter a posibilidade de cotizar a través do Réxime Xeral de Traballadores Autónomos (RETA).

Alén diso, despois de 1995, moitos profesionais adheríronse ao comezo da súa carreira ás mutualidades, xestionadas por cada Colexio de Avogados. Os cambios normativos posteriores produciron que a perda paulatina dos dereitos previos de cobertura social sen que tampouco poidan rescatar as súas achegas como mutualistas até o momento da xubilación. 

Por este motivo, o sector da Avogacía demanda que se estabeleza un sistema de tránsito das mutualidades ao RETA sen perder as achegas previas, así como complementos de xubilación para as persoas que actualmente xa abandonaron a súa carreira profesional.

Comentarios