domingo 28/02/21

Iberdrola quere desmantelar un centro de traballo na Rúa mentres se beneficia dos recursos galegos

A representación sindical inicia accións institucionais para evitar o fechamento. As xestións van encamiñadas a que a compañía mude os seus plans.

Imaxe da sede de Iberdrola en Ourense. (Foto: CIG)
Imaxe da sede de Iberdrola en Ourense. (Foto: CIG)

“Aprovéitase dos nosos recursos naturais, pero os centros de control lévaos fóra do país”. A Federación de Industria da CIG é moi clara e concisa á hora de rexeitar o fechamento dun centro de traballo na Rúa por parte da empresa enerxética Iberdrola.

A eléctrica ten previsto o fechamento da instalación, que entrou en funcionamento en 1955 e é a de maior antigüidade do Estado español, mais a central sindical xa comezou diversas accións na esfera institucional para paralizar eses plans.

O Centro de Control de Conca (COC) do río Sil da Rúa é desde onde se controlan as centrais hidroeléctricas do país así como os empregos na Galiza. No entanto, a súa conservación non entra na liña estratéxica actual de Iberdrola e, para a CIG, esta decisión “afonda no proceso de desmantelamento industrial do país”.

Cunha clara oposición a este cambio e as consecuencias laborais que poida ter, a CIG xa se puxo en contacto cos tres grupos políticos que contan con representación no Parlamento para que insten á Xunta a tomar un papel activo no conflito e forzar o mantemento do centro de control na súa situación actual.

Tamén hai conversas coa Deputación de Ourense e o Concello da Rúa, pois no COC traballan directamente 16 persoas. A idea de fechar para levar a xestión desde Salamanca é, a xuízo do secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, “un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos e que ameaza con converter o noso país nun ermo produtivo”.

Cunha explotación clara de moitos recursos da Galiza e o debate sobre o dano ao patrimonio que fan infraestruturas como os parques eólicos, lamenta que se faga “negocio” coa explotación dos recursos naturais públicos a cambio de nada.

Bouzas Aboi fala tamén do impacto das presas sobre o territorio. “No seu día apropiáronse destas instalacións e agora abandonan todo, e aínda por riba Iberdrola vai optar a conseguir máis megavatios de enerxías renovábeis aquí”, criticou.

comentarios