A Audiencia Nacional investiga Iberdrola por inflar de maneira ilegal o prezo da electricidade

O ex ministro José Manuel Soria acusa a enerxética de prácticas irregulares
O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, coa ministra de Economía, Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, coa ministra de Economía, Nadia Calviño. (Foto: Europa Press)

O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno ten aberta unha causa contra a empresa Iberdrola por manipular o prezo da electricidade co obxectivo de aumentar os seus beneficios. Segundo recolle o xornal El Confidencial, Iberdrola manipulou a poxa para fixar o prezo da enerxía o 19 de decembro de 2013, recortando nas semanas previas de maneira intencionada a produción dos seus encoros para a obrigar a conectarse a outras fontes enerxéticas máis caras como o carbón ou a planta do ciclo combinado. As consecuencias desta decisión, en opinión dos peritos xudiciais, provocaron unha alza no custo da luz de 26,5% durante o primeiro trimestre de 2014, repercutindo nun incremento de 10% para os pequenos consumidores. 

Os resultados daquela poxa levaron o Goberno de Mariano Raxoi a demandar un informe sobre o encarecemento da electricidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e o daquela ministro de Industria, José Manuel Soria, a advertir publicamente que se tiña “manipulado” a poxa.

En relación con estas palabras, declarou o pasado 4 de febreiro Soria diante do fiscal da Audiencia Nacional Antonio Romeral, reafirmándose no seu contido. “Cando no mes de decembro se produciu aquela poxa, no Goberno tivemos unha sensación de extraordinaria sorpresa polos seus resultados”, sinalou Soria no xulgado.

José Manuel Soria detallou nas súas declaracións na Audiencia Nacional que tras a poxa viron que “algo raro” acontecera, aspecto confirmado o día seguinte pola CNMV, que informou o Goberno de que “concorreran algunhas circunstancias especiais ou anomalías e entón, efectivamente, vimos que ía na liña do que pensábamos que acontecera.

Que había algo raro”. No mesmo sentido, destacou que Iberdrola tivo “un papel decisivo” á hora de xerar menos enerxía hidráulica da prevista e que motivou que o prezo o luz se disparase a 94,99 euros megavatio á hora.

O ministro de Industria de Raxoi explicou na Audiencia Nacional que a manobra de Iberdrola se enmarcou nun conflito do Goberno coas hidroeléctricas, ao negarse o Ministerio de Facenda a incorporar nos orzamentos unha partida de 3.600 millóns para as mesmas.

“Había un compromiso por parte do Goberno para incluír eses 3.600 millóns nos orzamentos. Que aconteceu? Pois que o Ministerio de Facenda, o Goberno en última instancia, non cumpriu ese compromiso. Eu entendino, porque había un compromiso superior neses momentos, que era o déficit público”, dixo.

Comentarios