mércores 27.05.2020

O hospital privado HM A Rosaleda segue a despedir, desta vez dous sindicalistas

O Grupo hospitalario bota á rúa persoal que iría nas listas ao comité de empresa pola CIG. 
Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela (Imaxe: HM Hospitais)
Centro hospitalario HM A Rosaleda en Santiago de Compostela (Imaxe: HM Hospitais)

"Creo que o meu despido e o do meu compañeiro foi por presentarnos ás eleccións sindicais nas listas da CIG". Esta afirmación é de Lolo, traballador de mantemento do hospital HM A Rosaleda de Compostela, após recibir unha notificación por parte desta empresa e entrar na lista de persoal que o grupo madrileño considerou prescindíbel en plena emerxencia sanitaria. Non foi o único estes días. Segundo explica a Nós Diario tamén recibiron a mesma carta un traballador de administración e outra traballadora que estaba teletraballando.  

Lolo faría en xuño 11 anos na empresa, que viviu a súa etapa de crecemento coa compra do hospital da Esperanza (Compostela) e tamén a máis actual da compra polo Grupo HM. Explica que hai un ano despediron así mesmo o responsábel de márketing, mais que estes meses a situación empeorou. "Nós estabamos ben vistos polo persoal e ás portas dunhas eleccións sindicais, non o consentiron", asegura.

Este traballador indica que o traballo no grupo hospitalario está cada vez máis de forma precaria. "Non contratan e din que o noso traballo terá que asumilo o resto, aquí agora teñen que dar os números", sentenza. 

Desinformación no comité de empresa

Ana Varela é a presidenta do comité de empresa de HM A Rosaleda. Coincide con Lolo en que estes despidos son unha represalia contra a CIG polas denuncias que veñen realizando. "A razón, segundo a carta que recibiron, é un despido disciplinario por perda de confianza e baixada de rendemento", relata a Nós Diario, "mais no momento de asinar explican que debido ao momento de estado de alarma no que nos atopamos a única maneira de despedimento é esa", engade.

Segundo a central sindical estas actuacións por parte da empresa indican que estes non serán os últimos despidos e que "están aproveitando a situación creada pola pandemia para adelgazar o cadro de persoal". HM A Rosaleda traballa con pacientes privados mais tamén con públicos que proceden do Sergas.

"Imaxino que agardaban que viñesen máis desde a pública coa chegada da COVID-19 e non foi así", sinala Varela. Estes últimos días si notou un aumento de traballo após o Sergas conxelar estas pasadas semanas as súas citas. "E agora contamos con menos persoal". 

Varela explica a Nós Diario que en todo o grupo ten constancia de que teletraballen dúas persoas, "mais desde que comezou o estado de alarma non nos comunican nada", asegura. Indica que a única reunión que se fixo foi a de prevención "e por ser eu a presidenta desa sección e poder convocala sen contar coa empresa". Aínda así nesa xuntanza non se lles subministrou ningún dato e a día de hoxe non contan nin cun listado do seu material.

Diante desta situación o comité loitou todo este tempo por defender os dereitos do persoal. Nalgúns casos non foi posíbel como no de catro despidos máis neste período de estado de alarma de "xente nova que non protesta, mais con estes de agora trabucáronse e o tema está en mans da xustiza". 

Traslados, vacacións e despidos en época de coronavirus

O grupo HM, con 17 hospitais e 21 policlínicos no Estado español, fíxose en 2016 cos centros sanitarios da Rosaleda e Nosa Señora da Esperanza (ambos os dous en Compostela) e o Centro Asistencial Lalín. Nestes catro anos expandiu o seu modelo madrileño de sanidade privada até a Galiza contando con pacientes que proceden da sanidade pública ademais da privada.

Nada máis comezar o estado de alarma o comité de empresa denunciou unha política de despidos que afectou, entre outro persoal, tres traballadoras técnicas de raios. Tamén "facilitaban" a incorporación aos seus hospitais en Madrid e animaban todo o persoal galego a "arrimar o ombreiro", "gozando" das vacacións "de xeito rotatorio" e a optar pola posibilidade de "permisos ou suspensións de emprego e soldo".

comentarios