H&M prevé fechar tres tendas na Galiza a pesar de gañar 145% máis

Incerteza entre o persoal de Vigo, Lugo e Ferrol.
H&M ameaza con fechar tres estabelecementos na Galiza (Foto: Nós Diario).
photo_camera H&M ameaza con fechar tres estabelecementos na Galiza (Foto: Nós Diario).

H&M, que a semana pasada anunciou a apertura dun procedemento de despedimento colectivo por causas organizativas e económicas (ETOP) que implicará o fechamento de 28 tendas e que afectará 588 traballadoras a nivel estatal, obtivo uns beneficios de 775 millóns de euros no seu último ano fiscal, 145% máis que o anterior.

Neste sentido, o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ameaza o emprego das traballadoras de tres das oito tendas da compañía na Galiza, unha das dúas situadas na cidade de Vigo, así como as de Lugo e Ferrol.

Ademais, o sur de Europa (onde se inclúe Galiza e o Estado) é a segunda rexión onde a compañía aumentou máis as súas vendas no período, en 9%, até alcanzar os 2.762 millóns de euros, só por detrás do incremento do seu negocio na Europa occidental (+11%).

Neste contexto, o consello de administración de H&M presentou esta cuarta feira Daniel Ervér como novo presidente e conselleiro delegado do grupo con efecto inmediato, despois de que Helena Helmersson decidise deixar o cargo e abandonar a firma.

A pesar dos excelentes resultados económicos obtidos, a multinacional escandinava atribúe o ERE que pretende desenvolver ao obxectivo de satisfacer as "cambiantes necesidades e expectativas" derivadas das mudanzas dos hábitos de consumo.

Resultado de Microsoft

Outra das multinacionais máis importantes do mundo, neste caso no sector da informática, a compañía Microsoft, anotou un beneficio de 20.194 millóns de euros no seu segundo trimestre fiscal, o que equivale a un avance de 33,1% en comparación coas ganancias do mesmo período do exercicio anterior. 

No conxunto dos seis primeiros meses do ano fiscal de Microsoft, a compañía anotouse uns beneficios de 40.778 millóns de euros, 30% máis que no mesmo período do exercicio anterior, mentres que os ingresos da empresa rexistraron unha mellora de 15,2% no semestre, até 109.453 millóns de euros.

Comentarios