O persoal de H&M vai á folga durante 24 horas no inicio da campaña de rebaixas

Os sindicatos convocaron esta quinta feira os 4.000 traballadores e traballadoras da multinacional en todo o Estado español após os paros parciais da pasada terza feira. Buscan que a empresa sente a negociar novas melloras salariais.
rebaixas (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O persoal de H&M fai coincidir a folga co período de rebaixas do verán. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os 4.000 traballadores e traballadoras da multinacional H&M no Estado español, após secundar na terza feira de maneira masiva unha xornada de paros parciais, irán a unha folga de 24 horas esta quinta. Unha nova protesta convocada por CCOO e UXT, coincidindo co inicio das rebaixas de verán, para seguir exixindo melloras salariais. Os sindicatos, que preparan outra folga para o próximo 26 de xuño, lembraron en senllos comunicados que o persoal secundou de forma masiva os primeiros paros da terza, con máis de 80% de participación media e que chegou a 100% nalgúns territorios, conseguindo fechar máis de 100 tendas.

CCOO e UXT mostráronse confiados en que a empresa volva sentar na mesa de negociación tras estas accións, xa que "até o momento foi imposíbel" alcanzar un acordo con H&M tras varios "meses dialogando e expondo de forma clara" os problemas. "Esperamos que a empresa reflexione posto que, pola nosa parte, sempre estamos abertos a negociar para valorar e atopar unha solución que mellore as condicións laborais e salariais que afectan 3.700 traballadoras e 700 traballadores por todo o territorio estatal", subliñaron fontes de CCOO.

Desde UXT, aliás, lembraron que tampouco se alcanzou un acordo coa empresa no SIMA, despois de case 12 horas de negociación, ao non concretar a firma de moda as súas propostas a respecto de cuestións como a implantación dun sistema de incentivos, así como a intención de modificar o complemento de incapacidade temporal. "Seguiremos dispostos a loitar, en aras a conseguir mellorar as condicións sociais, laborais e económicas do persoal de H&M, nunha mesa de negociación", recalcaron.

H&M asegura apostar polo "diálogo continuado" e culpa os sindicatos

Pola súa parte, H&M asegurou na terza feira, após a xornada de paros parciais, que a compañía ofrecera aos sindicatos melloras laborais, tanto no relativo a reforzar os cadros de persoal como no que atinxe ás retribucións salariais, que foron rexeitadas. Nun comunicado, a empresa aposta, con todo, por manter un "diálogo social continuado" cos representantes dos traballadores, co firme propósito de "escoitar as necesidades dos empregados" e colaborar conxuntamente coa parte social "para atopar solucións que satisfagan as peticións dos equipos".

En concreto, indicou que na xornada de paros da terza presentou aos sindicatos un paquete de medidas, "que satisfai" as necesidades identificadas tras o diálogo "aberto e construtivo" cos representantes dos traballadores e que inclúe un incremento dos recursos efectivos en tenda a través de "ampliacións definitivas" de horas en contratos a tempo parcial e máis contratacións.

As medidas propostas por H&M tamén contemplan, segundo a compañía, "unha maior retribución" a través dun sistema flexíbel baseado na consecución de obxectivos. Igualmente, expón medidas para reducir o absentismo co obxectivo de incrementar os recursos efectivos en tenda. "Estas propostas, que supoñen un gran esforzo para a compañía, presentáronse formalmente aos representantes dos traballadores. Lamentabelmente para todos, este paquete de medidas foi rexeitado pola parte social, polo que a compañía lamenta non poder ofrecer estas condicións aos empregados", defende H&M nun comunicado.

A empresa, que respecta "plenamente" a vontade dos traballadores de manifestarse e recoñece o seu dereito individual a acollerse á folga, apela tamén ao "respecto" cara a aqueles que decidan non participar na mesma.

Comentarios